domingo, 30 de enero de 2011

Sobre os textos da Entrega II

Ola de novo. Sobre os textos V a VIII podemos facer un breve comentario introdutorio:
  • Texto V: Permite ver o contexto no que o r&r entra en UK: como, por que, etc. Non podemos separalo das consecuencias do final da II Guerra Mundial e da presencia dos soldados do Imperio na vella, vencida e endeudada Europa (non foi só en UK: tamén en Alemaña Occidental, etc.).

  • Texto VI: É unha sorpresiña, pero quen sabe, pode que dentro de anos sexa o único que lembres deste club: esas cousas suceden... O texto é bo, e unha boa introdución ao seguinte. Curioso: Hamburgo, bombardeado e destrozado sen piedade por EE UU e UK, recibe vinte anos despois a bandas británicas -non só eran os Beatles- cantando basicamente cancións de orixe estadounidense. ¿Era simple colonizacióbn, ou como pensan o cineasta alemán Wim Wenders e outros, algo máis que iso? Sexa como sexa o texto de Sebald -e a obra- é bo e sempre está ben recordar que os aliados fixeron tamén cousas criticables ou polémicas cando menos. A guerra e o r&r, outra vez.

  • Texto VII: É o texto (dobre) estrela desta entrega. Queremos presentar aos Beatles desde outro punto de vista que o acostumado, más negro, máis roqueiro, máis violento, menos politicamente e moralmente correcto como despois sería da man do manager Epstein. Recorremos ademais á hipótese da traición de Lennon aos seus principios de rocker. Goldmann chega a soster que Lennon casaría mellor cun grupo como os Who que cos futuros Beatles de Epstein-McCartney. Engadimos nós, ou como os Stones: a amizade entre Lennon e Jagger e o recíproco interese -e as recíprocas críticas, todo hai que dicilo-, como xa dixemos noutra ocasión, está aínda por estudiar a fondo.

  • Texto VIII: Rematamos cun texto non esperable, cremos, sobre o proceso de composición dos Beatles no cumio do seu éxito, cando o LP "Sargeant Peppers" e cando McCartney toma as rendas do grupo que ata entón era de Lennon, e entre iso e as divagacións deste a banda entre na súa longa e xa insuperable crise...

Nas próximas entradas falaremos destas cousas máis en detalle. Queda por marcar a data da Reunión II: xa falaremos.

lunes, 24 de enero de 2011

Reunión I (24/1/11): A orixe do r&r

Reunímonos sete máis un para falar deses catro textos. Sorpresa primeira: ao parecer foron os dous últimos, os dos encontros dos Beatles e os zeppelins co Rei, os que máis gustaron.
I. estivo falando de blues e r&b, de B.B. King e Little Richard, da liberdade e flexibilidade que permite o blues á hora de improvisar e alongar as pezas, posibilidade que non vía nas actuacións de Berry ou Richard. A raíz disto comentamos a continua absorción por parte dos artistas brancos das fontes inesgotables da música negra nas últimas décadas.
Centrámonos sen embargo no texto de Cohn, que era o que máis daba de si. Falamos dos teenagers dos cincuenta en EE UU, de como Cohn parece ocuparse fundamentalmente dos "teens" brancos, do seu poder económico que agora é novedade, do seu desexo de atopar un novo referente primeiramente buscado nun frustrante Bill Haley e logo nun flamante Elvis, todo xunventude, enerxía e sexualidade. Pero, ¿e os "teens" negros, e as súas propias stars? Iso parece algo dado de lado.
O caso de Elvis e o seu significado ocupou gran parte do noso tempo. Era a primeira auténtica rock´n´roll star e un personaxe admirado e imitado: no vestir, na actitude, etc. Falamos diso que di Cohn de que as mozas tiñan a posibilidade de crear ou crer nunha fantasía sexual sen consecuencias, e na necesidade dos "teens" de ter unha figura que "parecera" perigoso, unha ilusión de perigo, aínda que en realidade Elvis fóra do escenario lera a Biblia, dera bicos brancos á súa querida mami, e cumprira como soldadiño obediente no exército do faraón alá en Alemaña Occidental, amén. Iso, cremos, ten a súa importancia, e deberemos retomalo. As rock stars e a ilusión, a ficción montada arredor delas, a mestura de realidade e mito, se é que ambas cousas se poden separar. E a indubidable carga sexual que leva a estrela do rock, envolta como non nesa nube de ficción ou ilusión. Elvis foi o primeiro en encarnar todo iso..., pero outros chegaron máis tarde que veremos nas próximas reunións.
Tratamos igualmente o modo como Elvis e o seu manager resolveron -¿ou viron como se resolvía por si so?- o problema do imparable envellecemento da primeira "teen" star gracias ao Tío Sam nada menos. E vimos tamén a ambigua posición de Cohn ante o segundo Elvis, recoñecendo á súa decadencia e impostura ao tempo que reafirmando a súa condición non só de auténtica star, senón incluso da máis grande que houbo no cosmos do r&r. Resulta difícil de asimilar esta ambigüidade cohniana, esa ironía ou sarcasmo combinado coa fe nun mito posto moi moito en entredito.
Rematamos: os libros dos encontros cos Beatles e os zeppelins podes atoparlos na biblioteca González Garcés de Coruña. O de Cohn está esgotado, pero podes pedilo á biblioteca de Lugo desde a G. Garcés (servicio interbibliotecario). A obra de Oliver tamén, pero á de Pontevedra.
¿Algo máis? Se calquera quere engadir algo, ou matizalo, sexa deste grupo de sete persoas, sexa do grupo "dos da rede", pode escribir un comentario firmado ou anónimo, ou pode escribir unha entrada pola súa conta se recibíu a invitación e tivo tempo de aceptala.

Pronto chegará ás túas mans outro lote de textos. (Continuará...).

domingo, 23 de enero de 2011

De cara á inminente Reunión I (a orixe)

No diálogo deste luns podemos talvez centrarnos nas nosas impresións xerais sobre os textos e sobre a orixe do r&r. O texto que dá para máis probablemnte é o de Cohn, pola súa extensión, polas súas afirmacións e valoracións atrevidas e numerosas, polas súas opinións polémicas. A bote pronto éstas son algunhas das cousas que trata e podemos discutir (se queremos):


  • O que opina dos "teddy boys"

  • A visión que ofrece da movida de Londres nos sesenta ("Swinging London")

  • Que entende por "pop" e por "r&r"

  • Como presenta á xuventude dos cincuenta, ás suas novas necesidades, forma de ser, gustos, poder adquisitivo, etc.

  • Como valora os artistas inmediatamente anteriores ao r&r

  • O positivo e o negativo de Bill Haley na opinión de Cohn

  • Por que Elvis era unha auténtica rock star, segundo Cohn. A personalidade e a obra de Elvis, e a súa pegada posterior. (Podemos ter en conta os textos dos Beatlles e Zeppos con el)

  • A maiores, podemos ter en conta a información que Oliver engade no seu libro: a orixe do r&r a partir da música negra, etc.

  • Tamén podemos falar de se a xente nova de hoxe en Galicia, que escoita con frecuencia música rock ou relacionada co rock, é consciente da orixe desta música, ou non, e por que...

En fin, e tantas outras cousas... Procuremos ser puntuais mañá, por favor: "tempus fugit", e nos recreos, máis.

Paul Oliver´s, etc., etc. (Bo Diddley, e xa)

E escribe tamén Oliver de Bo Diddley, de quen sen embargo non terás moita noticia, a pesar da súa influencia en xentes como os artistas negros e brancos dos EE UU de entonces, e os posteriores non só estadounidenses que seguramente coñecerás algo máis, como Ron Wood -o pallaso do mundiño británico do rock, e amigo e compañeiro de escenario, gravacións e tabernas de practicamente todo o mundo- e The Faces, os Stones, o anfetaminico Wilko Johnson e os Dr. Feelgood dos bos tempos, e así... Bo Diddley, o de Chess Records, o das guitarras deseñadas pola súa conta, con esas extravagantes formas rectangulares -ver vídeos-, etc.
Presentamos unha gravación para a televisión con chica á guitarra incluída que ademais sabe moverse no escenario na que BD fai propaganda do seu propio nome. Logo, unha canción de Willie Dixon, compositor, cantante e músico e un dos pilares fundamentais da factoría Chess Records cuxas cancións foron cantadas por tantos negros e brancos (Muddy Waters, Howlin´Wolf, The Doors, The Yardbirds, Led Zeppelin, Eric Clapton con Cream e sen ela, etc.). O propio papá Dylan fai non moito plaxiou unha das máis coñecidas composicións dixonianas sen escrúpulos (pero a ver quen lle tose a ése). Veña:


E agora a de Dixon:
´
En definitiva, a carga sexual das actuacións, actitudes ou letras dos artistas afroamericanos de r&b ou de blues entra a formar agora parte dos artistas brancos estadounidenses, e despois británicos e demais, coa aparición do r&r deses autores dos que Oliver escribe. O que hoxe é para ti normal, incluso aburrido ou anodino, no seu momento foi rompedor. YouTube está cheo de todo isto.
Deixémolo.

Paul Oliver´s book blues (Chuck Berry)

Lemos na páx. 298 do libro de Oliver: "Chuck Berry y Bo Diddley oscilaban entre ambas corrientes." Entendemos: entre o rhythm & blues e o rock & roll (onde éste sería, segundo Oliver e tantos outros, produto da mestura entre R&B -rhythm & blues- e country & western, lembra).
Berry, que comezou a gravar na "Chess" apadrinado por Muddy Waters, é autor das famosísimas "Roll over Bethoven", "Johnny B. Good", "Maybellene", "Rock and roll music", "Memphis, Tennessee" ou "Back in the USA" -que sería máis tarde "contestada" polos Beatles coa súa "Back in the USSR" de McCartney na súa vertiente roqueira, que tamén a tiña-, entre tantas que tes escoitadas sabendo que son súas, ou non, cantadas por el, ou por tantos outros.
Berry, coñecido polo seu "paso do pato" -véxase- , deixou a súa impronta en fauna tan variada como John Lennon, Keith Richards, Sex Pistols, AC/DC, Eric Clapton, Presley, Calamaro, os irmáns Auserón, etc.
Unha mostra:


E se non chega, aí van mil exemplos máis, non sempre en compañías recomendables na opinión da súa nai...

sábado, 22 de enero de 2011

Paul Oliver tamén fala de Country & Western, aínda que de pasada

Oliver di que "Rock and Roll" era un termo que alá nos cincuenta aplicábase a certa mestura entre "Rythm and Blues" por un lado e, por outro, a música chamada "Country and Western". Supoñemos unha vez máis que clase de música é esta última, e se non sempre queda a rede e a inevitable wiki.
Engadimos uns vídeos de Hank Williams, un dos grandes da "Country and Western":

Paul Oliver´s book blues (Howlin´Wolf)

Non fala só de waters o señor Oliver. Tamén de Howlin´Wolf. Aquí temos, pois, e ollo coa súa voz, que máis dun quixera para si:

Paul Oliver´s book blues (Muddy Waters)

Oliver fala de Muddy Waters. Este bluesman comezou moi influído por Johnson, e chegou a ser á súa vez unha enorme influencia noutros bluesmen e, despois, unha referencia para The Rolling Stones -o seu fundador e primeiro líder que acabaría morrendo na casa de Winnie the Pooh, Brian Jones, tomou o seu nome dun verso dunha canción de Muddy-, The Yardbirds, The Animals e tantos outros músicos da movida londinense dos sesenta.
Presentamos desde home o seu famoso "Hoochie coochie man":

E agora o seu "Manish boy" na mítica película "The Last Waltz", de Scorsese, da despedida de Tha Band, a banda de Dylan durante tanto tempo. Tes que pinchar neste enlace porque non hai outra maneira, e ten paciencia porque carga con moita dificultade. Podes ver a súa influencia no mundo do rock neste fragmento. Máis tamén no seguinte vídeo, cos Stones e un Mick Jagger nada divo, escapado da clase de ximnasia cun discreto chandal vermello fosforito e sen gañas de facer sombra ao seu ídolo. En fin...

viernes, 21 de enero de 2011

Paul Oliver´s book blues (Robert Johnson: "Hello Satan")

Paul Oliver fálanos de blues, rythm and blues e rock and roll. Supoñamos que sabemos que é o terceiro, e deixemos agora o segundo, dando claro está por sentado que o primeiro é facilmente distinguible do segundo, e éste do terceiro, que hoxe non toca liarse. Imos pois co blues. ¿Que é un blues? Ben, mira na wiki ou similar, non sexas vago. Pero para mostra, un botón: Robert Johnson, un dos deuses do mundo do blues (podes preguntar a tantos: Eric Clapton, Keith Richards & Mick Jagger, etc.). Circula ademais por aí a lenda de que fixo un trato co demo en non sei que cruce de camiños. Morreu aos vintecatro anos en escuras circunstancias.
A ver que tal esto:



Para escoitar máis cousas deste bluesman, pincha aquí.

lunes, 17 de enero de 2011

Con Nik Cohn IV (Elvis, dúas tazas)

Elvis. No zenit e no 68, entre a visita dos Beatles e a dos zeppelins. O noso querido Nik Cohn pídenos por favor que comparemos a Pelvis (sic) co riciño de Billy na fronte ao estilo Estrellita Castro. Pois ben, queridos fans -¡de Elvis, non de Estrellita: iso, noutro local!-:



Imos ao revolucionario 68 agora (coidado co coiro, que queima):


(Para seguir indefinidamente co Old E, pincha aquí e pérdete por YouTube...).

Con Nik Cohn III (Bill Haley e o maldito reloxo que Deus confunda)

A opinión de Cohn sobre B.H. pode ser compartida ou non, pero non pode ser máis clara. Para mostra, un botón: toma e xulga ti mesmo:



Se pinchas aquí vas directamente a YouTube, onde tes Haley para parar un tren, en branco e negro e en cor.

domingo, 16 de enero de 2011

sábado, 15 de enero de 2011

Con Nik Cohn (Tutti frutti))

¿Que por que o libriño de Cohn ten semellante título? Todo ten explicación:



PS: Hai outro libro moi coñecido de Cohn, posterior, que deu lugar a unha famosa película...

PS II: Por outro lado, Cohn fala xa ao principio do libro dun artista para nós non demasiado coñecido como antecesor do que viría con Haley e Elvis despois. Trátase de Johnnie Ray e os seus desgarradores gritos e choros. Metemos aquí unha actuación da súa famosa "Cry", pero a verdade é que por máis que un busca non atopa na rede exemplos desas actuacións delirantes das que Cohn escribe, poo que este show é máis ben normaliño. ¿É que non quedaron rexistradas, ou é que a censura da época deixounos sen o "auténtico" J.R.? Misterios. Aí vai en todo caso (sen comentarios):


viernes, 14 de enero de 2011

Fragmentos (primeiros textos)



Hoxe repartimos finalmente os catro textos para a Reunión I, que terá lugar pronto -en sete ou dez días-. Comentemos algo de cada un:

  • Texto 1, de Nik Cohn: fragmento inicial do seu famoso "Awapbopaloobop..." -esperemos telo escrito ben, meu Deus: aínda recordo a cara do bibliotecario cando lle dixen o título desta cousa-. Talvez perezca algo extenso (o seu concepto do "pop", as orixes do r&r, Haley, o seu adorado Elvis...), pero non o é. E é divertido e tremendamente interesante, con numerosas suxestións que xerarán discusións entre nós.
  • Texto 2, de Paul Oliver: fragmento do derradeiro capítulo do seu clásico "Historia del blues" (da colección Nostromo con deseños de Diego Lara, nunca suficientemente chorada). Recomendamos ler só as liñas sinaladas con frechiñas. Alí atoparemos información moi valiosa sobre a relación e suposta diferencia entre r&r e r&b (rythm & blues). Bo Diddley, Chuck Berry ou Muddy Waters e Howling Wolf, e o sello "Chess" son tratados polo sabio Oliver. Mmmmhhh...
  • Texto 3: minúsculo fragmento da non moi boa biografía sobre Lennon de Goldmann, no que vemos o desfortunado encontro entre Elvis e os Beatles en 1965. O Rei non estaba de humor...
  • Texto 4: outro aínda máis breve, tomado dun olvidable libriño sobre os Zeppelin, que permítenos ver cómo Elvis ten outro trato ben distinto cos zeppelins. Cousas.

Nos próximos días introduciremos neste blog algúns vídeos dos artistas tratados por Cohn e Oliver. Pode que esa idea non sexa mala, ¿non?

jueves, 13 de enero de 2011

Bang! (o comezo)

Boas... Considerade aberto este blog, compañeiro do noso novo club.
¿Quen somos? Uns cantos; non moitos.
¿Que pretendemos? Nada, polo amor de Deus; xa están bastante mal as cousas... Leremos algúns textos sobre r&r ou de r&r, e chégalle ben.
¿Onde nos veremos? Uns nunha habitación con non máis de sete sillas; outros, colgados na rede, bim-bam, columpiándose nela mentres deixen.
Eeeerrr... Ah, si: Benvidos.