miércoles, 23 de febrero de 2011

E outra vez coa Reunión II (¿que hai de novo, vello?)

Unha persoa das presentes na derradeira reunión que tivemos polo de agora chegou a decir un par de veces polo menos que nos tempos que agora temos que vivir non hai xa innovación no mundo da música, senón repetición, ou incluso dexeneración, e que a música dos cincuenta e sesenta segue a ser unha referencia. A xente de hoxe incluso pode estar deixando de escoitar rock e dedicarse ao rap ou ao pop (un pop alleo ao rock, enténdese). Ben, algo así escoitamos, se ben non sei se esa persoa prefire agora matizar as súas palabras, ou corrixir esta entrada.
En calquera caso, esta entrada pretende abrir un debate que podemos resolver en forma de comentarios (en plural), ou ben, se alguén prefire, en forma doutras entradas que contesten a ésta.
A pregunta é: ¿hai ou non hai innovación real, algo relamente novo, unha busca de novas músicas, ou de novas formas de compoñer no ámbito do rock, ou ben, máis alá diso, novas formas de compoñer música? Se a resposta é "si", podemos intentar dar algo de información sobre iso, e engadir algún enlace que outro por se alguén ten curiosidade... Se a resposta é "non", podemos tamén intentar dicir as razón que nos levan a ese "non".
Boa caza...

martes, 22 de febrero de 2011

Máis sobre a Reunión II (un par de pelis)


Na pasada reunión falamos tamén dun par de cousas que pretendemos tratar agora nesta entrada e na seguinte: pelis sobre os Beatles e a cuestión da suposta inexistencia de innovación no mundo musical nos últimos anos. Ímos co primeiro:
Todos sabemos que cando The Beatles aínda estaban xuntos fixeron varias películas ("Qué noche la de aquel día", "The Yellow Submarine" en debuxos animados, ou "Let it be", p. ex.), pero queremos falar agora dun par de filmes que podes sen dúbida atopar en internet ou en YouTube, non sabemos se en inglés con subtítulos ou como, pero son a chamada "Backbeat", que está, ambientada na época dos Beatles en Hamburgo, e "All You need is Cash", documental-televisivio ficticio sarcástico no que aparecen músicos moi coñecidos falando dun suposto grupo xa desaparecido, The Rutles, que non é outro que un trasunto dos Beatles. Naturalmente xa o propio título fai referencia á canción "All You need is Love", dos de Liverpool.

lunes, 21 de febrero de 2011

Reunión II (25.2.11): a explosión do "British pop"

Reunímonos en torno a un par de enormes mesas case todos (faltou a nova fichaxe por un compromiso académico). A reunión foi ben e non tan ben. A ver...
Foi ben xa que falamos todo o tempo, e falamos todos, o que sempre está ben. Abordamos cuestións como o Hamburgo bombardeado e o Hamburgo que ve o inicio do despegue dos Beatles; a imaxe tópica dese grupo, e a que agora descobrimos no texto de Goldmann que presenta outros aspectos máis... escuros e non convencionais; a personalidade de Lennon e a posibilidade que hai en toda biografía de mostrar a cara que o escritor quere do biografiado (a peor, ou a heroica: no caso de Goldmann, unha de Lennon non moi boa moralmente falando. Hai outra biografía máis recente de Lennon, en Anagrama, e o interesado pode contrastar con ela a tese de Goldmann); a suposta posta en venta de Lennon e a súa banda en busca do éxito, mellor encaixada por McCartney que por John Lennon; unha tímida e brevísima referencia á canción escollida como exemplo da forma de compoñer e gravar dos Beatles; e pouco máis en relación cos textos...
Pensa un que non tan ben xa que en definitiva a conversación foi demasiado vaga e ampla, sobre o rock en xeral e as tendencias e gustos de hoxe, outra vez en xeral. De feito, probablemente falamos máis da Factoría Disney e os seus produtos musicais para adolescentes hedonistas pero sumisos, que dos contidos dos textos escollidos para este día: aparición do British pop en relación co final da II Guerra Mundial e as bases americanas en Europa, os comezos dos Beatles en Hamburgo e o alí vivido, as relacións entre os compoñentes da banda, a relación da agresividade ou violencia no r&r, a creatividade dos Beatles na gravación de "A Day in the Life"; a importancia da movida londinense de entonces, etc. Todo iso quedou máis ben no tinteiro.
Pero ben: así son os clubs de lectura: sae o que o grupo quere, e o coordinador non sempre sabe facer ben a súa función...
Antes de rematar esta entrada, unha referencia bibliográfica para os curiosos: o libro de Albert Goldmann, Las vidas de John Lennon, de Grijalbo, pódese atopar na Biblioteca González Garcés de Coruña (Elviña), e tamén a nova biografía de Lennon antes dita. O libro Un día en la vida (ed. Grijalbo), de M. Hertzgaard, está á túa disposición na Biblioteca da Deputación da Coruña (xunto ao Teatro Rosalía). Tamén na González Garcés os libros Sobre la historia natural de la destrucción (Anagrama), de W.S. Sebald, e Rolling Stones. Los viejos dioses nunca mueren (ed. Ma Non Troppo), de S. Davis (as obras deste autor dedicadas a Jim Morrison e Led Zeppelin teñen tamén recoñecido prestixio, nun xénero, o da literatura dedicada ao r&r, que deixa en xeral basrtante que desexar: hai moito libriño feito da calquera maneira e deprisa e correndo só polo diñeiro. Non é o caso).
Deixámolo aquí. Pronto chegarán ás túas mans os seguintes textos, e da Reunión III xa falaremos despois... A partir de agora, todo aquel que queira engadir ou matizar algo, ou o que sexa, sobre os textos da Entrega II, non só pode, senón que pedimos por favor e pola Virxe que o faga. Unha reunión de corenta minutos dá de si, pero non para todo, e este blog é tamén para iso. Por non falar dos compoñentes "virtuais" deste blog que brillan polo seu... silencio: ¿que pasa con vosoutros, K., M., I. e A.? ¿Aló? ¿Mmmmhhh...?

domingo, 13 de febrero de 2011

De cara á pronta Reunión II (a explosión do "British pop")

Boas. De cara a próxima reunión, aínda por fixar, pero cercana, temos varios temas dos que falar, e aquí facemos un breve recordatorio deles por se acaso:
  • A relación entre o final da II Guerra Mundial e das bases militares estadounidenses en UK, Alemania e resto de Europa, e a aparición do r&b e o r&r por este lado do Atlántico.
  • O cambio que a xente nova de Hamburgo tivo que vivir en relación cos antigos inimigos.
  • Se o r&r que chega do Imperio é parte do colonialismo cultural ou non.
  • Como eran os Beatles nos comezos, e a imaxe que despois intentaron dar.
  • Lennon: como era e que imaxe daba despois como líder dos Beatles de Epstein (o manager). Tamén podemos falar do suposto "pacifismo" de Lennon dos últimos anos, cos Beatles xa separados: se era crible ou non.
  • Sobre a forma de compoñer deles no 67.
  • Sobre a movida londinense dos sesenta.
  • Sobre a violencia e a agresividade no r&r, desde diferentes puntos de vista.
  • Sobre os liderazgos nos grupos de r&r.
  • Sobre o divino e o humano..., demasiado humano.

viernes, 11 de febrero de 2011

Máis do texto VIII (o medio do oito en "A Day in the Life")


Incluímos aquí un vídeo coa canción A Day in the Life coa que remata a cara B do LP Sargeant Pepper´s. Ten de bo que leva subtítulos coa tradución ao catelán desta composición de Lennon e McCartney que non pode deixarte indiferente. Ten de malo que o final non entra e é recortado: a canción fúndese cos sonidos finais do LP e aquí iso queda mutilado, pero sempre podes escoitalo noutras versións en YouTube ou mesmamente en disco (e sube o volume, faime caso).
Nestas imaxes da época, á parte de Lennon, un saltarín e entusiasta McCartney, Harrison e Ringo, aparecen tamén George Martin (o quinto beatle, e non é mito), Jagger, Donovan, Marianne Faithfull -entonces musa da movida de Londres: agora só de Radio Tres-, a Sinfónica en pleno, Keith Richards aparentemente sobrio (¿sería el?), ¿Pete Townshend?, ¿Jeff Beck?, fans, o Pato Donald, que sei eu...
A canción era ao comezo de Lennon, mais chegaron a un punto morto, polo que finalmente meteron en medio, na mitade "do oito" que ten toda canción cando parece que se converte noutra antes de volver a ser a de antes, un fragmento composto por Paul McCartney. Parte da maxia do tándem McCartney-Lennon era por isto: Lennon tiña unha capacidade notable para crear esas "mitades de oitos" de xeito nada convencional, o que melloraba notablemente as composicións, e se non que lle pregunten a McCartney. Pois ben, neste caso parece que foi ao revés: canta Lennon, suben os violíns, corta McCartney despois do despertador, e remata de novo Lennon.
O da Sinfónica e o estruendo dos instrumentos ten que ver co interese que McCartney tiña entonces pola música elctrónica dun dos maiores compositores do s. XX, o alemán Stockhausen (Alemania é probablemente o país de referencia no que a música electrónica se refire, tanto se falamos de xente como Stockhausen, como se pasamos a un nivel máis popular e falamos de Kraftwerk ou Tangerine Dream, entre tantos).
O vídeo, pois:

Sobre o texto VIII (o LP por antonomasia, a arte pop, etc.)

Falar do texto VIII implica falar do LP -nome dos discos grandes de entonces, "Long Play", longa duración: o que hoxe a xente chama "vinilo" que, mira por onde, sobrevivirá ao maldito CD- Sargeant Pepper´s (1967) duns Beatles no máis alto da súa gloria.
Foi o primeiro LP do mundiño do pop/rock (a eterna pregunta, ¿os Beatles eran realmente un grupo de pop ou tamén de rock, ou que?: podemos falar diso na reunión próxima) que non era unha coleción de cancións, senón unha unidade, unha idea, un disco conceptual.
Nese momento McCartney parece tomar as rendas da banda, cun desnortado Lennon, creador e ata entonces capitán do grupo, que non acabou de dixerir ese cambio de roles ou status. Iso foi o comezo do fin. McCartney non era o único artífice desta obra da arte pop dos sesenta, pero si o que máis enerxía poñía para que chegara a bo porto (o sanbenito da convencionalidade, comercialidade e espírito blandengue de McCarney ten base, pero non cando falamos deste LP). A unidade do disco incluía o deseño dunha portada que marcou época.
Houbo un antes e un despois dese disco. Outro tema é se é o mellor deles musicalmente falando (socioloxicamente falando, parece que si): hai quen pon ese LP polas nubes, mentres outros afirman que as cancións nel incluídas a penas supoñen novidades na arte compositiva (¿coa excepción de A Day in the Life, talvez? Falaremos desta canción na próxima entrada deste blog).
Moi probablemente tes esta obra en LP ou CD na túa casa, e como este club vai de música, é de sentido común que escoitalo non está de máis. Tamén podes atopalo na biblioteca pública, ou mirar a lista de temas e buscalos en YouTube ou similar. Reláxate,. non fai falta botar pola ventá toda a túa coleción de Metallica ou Sex Pistols por escoitar a estes tipos (de feito, aquí entre nosoutros, Metallica e Sex Pistols, e incluso La Polla Records se me apuras, escoitaban e escoitan aos Beatles os domingos polas mañás antes de ir visitar ás súas avóas no corazón do bosque do lobiño feroz ése que toca o baixo en non sei que grupo).
¿Ou?

miércoles, 9 de febrero de 2011

Sobre o texto VII ("who is who" no texto de Goldmann):


Nos dous capítulos de Goldmann dedicados aos Beatles en Hamburgo en 1960-62 aparecen varios nomes que poden resultar descoñecidos e queiras ter certa información sobre eles (esperemos). A ver pois:
  • Pete Best: Era o bateria de entonces no grupo, antes da aparición de Ringo Star. Pete Best foi expulsado en extrañas circunstancias da banda, nunca ben aclaradas. Os malpensantes miran para Lennon e McCartney. Cuestión de celos, suxiren. A mami de Best tiña moito que dicir...
  • Stu Sutcliffe: Amigo de Lennon e membro dos Beatles daquela, se ben con escasas ou inexistentes dotes para a música (¿quen dixo que iso é necesario para o r&r, mh?). Parece que McCartney estaba máis que farto del. Os malpensantes de novo falan de celos. Sexa como fora, unha vez fóra da banda, McCartney convértese no baixo dos Beatles definitivamente (se ben dominaba e domina moitos instrumentos: o seu primeiro LP en solitario gravouno el tocando todos os instrumentos e cantando, e non era mal disco). Fixo parella con Astrid Kircher. Morreu pronto, en circunstancias de novo pouco claras (hummm...).
  • Os "exis": Se queres saber algo máis diso terás que recuperar o texto visto o ano pasado de Sartre (o do rapaz que dubida entre deixar á súa nai ou ir pegar tiros contra o exército alemán), ou esperar con paciencia a lelo este ano, depende da túa idade. "Exis" procede da vulgarización de "existencialismo".
  • Astrid Kircher: O seu nome quedará para sempre vinculado ao comezo dos Beatles: as súas fotos deles naquela época, a súa relación con Stu, a idea de peinalos dese xeito tan... "beatle", probablemnte inspirada pola moda "exis".
  • Klaus Voormann: Amigo de Astrid e de Vollmer, e tamén polo tanto vinculado cos de Liverpool. Acabou sendo o autor da portada do LP Revolver, para moitos o mellor disco dos Beatles pese a fama doutros como O Branco ou Sargent Pepper´s...
  • Jürgen Vollmer: Pois iso, o terceiro que faltaba.
  • Brian Epstein: O manager dos Beatles. Parece que non tiña moita man coas finanzas. De feito a banda foi vilmente explotada por todos lados debido á falta de visión deste home. A el se debe a idea da imaxe tipicamente "beatle" : traxes, solapas, caras de bos rapaces, peinadiños, de uniforme como estaba mandado -isto faciano todos os grupos..., excepto os Stones, todo hai que dicilo-. Esta imaxe e esta renucia ao espírito rocker foi abrazado con estusiasmo por McCartney, pero só aceptado sen convición por Lennon, e diso nacerá talvez a atración de Lennon polos Stones ou os Who. Epstein, como non, morreu en extrañísimas circunstancias...
  • Yoko Ono: Parella de Lennon moito despois de Hamburgo, e para moitos unha das máis importantes causas da separación da banda. Segundo Goldmann, pouco tempo antes de ser asasinado Lennon, éste parecía estar diasposto a volver a compoñer con McCartney, pero Ono foi un obstáculo insalvable. A educación estricta recibida por parte da súa tía -a súa nai non vivía con Lennon, e morreu pronto, e o seu pai nunca estivo con el- levouno, segundo Goldmann, a buscar unha muller de similares características, a controvertida Yoko.

martes, 8 de febrero de 2011

Sobre os textos V e VI (bang, crash & boooom!)

Movamos un pouco esto, que está parado de máis.
Do Texto V a rede ofrécenos fotos e vídeos variados, se ben éstes tenden a ser lentos e hai que practicar con forte vontade a bondade e paciencia franciscanas. Merece a pena sen embargo e permite unha visión realista do que é a guerra, especialmente no s. XX.
Se pasamos agora ao Texto VI, a rede volve a ofrecer fotografías e vídeos, se ben en tempos era moi difícil dar con este tipo de documentos (Sebald explica por que nese valioso libro). Outra vez eses vídeos poden resultar lentos. Haino non só sobre Hamburgo, que é o que agora nos interesa, senón tamén da dificilmente comprensible destrución de Dresde (¿coñeces o ocurrido alí, ou prefires mirar para outro lado?).
Pasamos páxina: ¿queres ver como era o aspecto do Hamburgo de principios dos sesenta que é cando os Beatles desembarcan alí? Mira. E mira. É suficiente: pretender buscar fotos de Hamburgo en 1960-62 é chorar: todas son dos Beatles facendo non sei que aquí, os Beatles merendando alá, os Beatles mirando unha nube que pasa, e así. Curioso: como cambia o conto en dúas décadas.