domingo, 3 de julio de 2011

Mr. Mojo Risin´ (unha entrada des-con-textualizada)


Hoxe fai corenta anos da morte de Jim Morrison en París, exactamente dous anos despois da primeira das mortes do universo rockeiro dos sesenta, e falamos da de Brian Jones no 3 de xullo do 69. Brian Jones non significa probablemente nada para as actuais xeracións e polo tanto é difícil para esa xente ver a importacia de BJ naquel entonces, pero o líder dos Stones era unha referencia no mundo do r&r e codeábase con Dylan, Hendrix ou Nico, admirado por Lennon e McCartney. A súa desaparición na casa de Winnie the Pooh foi a primeira das catro "jotas" (BJ, Jimi Hendrix, Janis Joplin e Jim Morrison, todos con vintaesete anos) foi vista por Jim Morrison como unha premonición, como signo do seu fin xa cercano.
Sabemos que había un proxecto dunha cuarta entrega de textos sobre estas catro "jotas", acompañados doutro texto de Azúa. O de Azúa podemos resumilo nunha entrada próxima, máis os textos prometidos quedarán de momento no aire (quen sabe se o curso seguinte...). Na rede pódese atopar algo de BJ con algún interese (ver aquí, p. ex.), mais fomos incapaces de facer outro tanto con Hendrix ou Janis (hai, pero lamentable, estilo papanatas ou trivializador). Caso á parte agora é o de Mr. Mojo Risin´, Jim Morrison...
¿Por que? Porque hai moito na rede (non todo bo, claro), porque hoxe e o corenta aniversario da súa extraña morte, e porque volvendo á entrada anterior sobre as letras de Dylan, Morrison ademais de gran cantante e compositor, é creador de moi boas letras, pola súa intelixencia, ricas e variadas lecturas xa desde noviño (Nietzsche, Baudelaire, Rimbaud, Blake, Huxley...) e porque... era poeta, e bo. Neses poemas nótase o seu interese pola filosofía de Nietzsche, e polo cine, o teatro, a poesía francesa, etc. Era intelixente, culto e orixinal, e todo iso non abunda no ás veces pobre mundo do r&r. Se se me permite a insolencia, a súa sensibilidade e capacidade poética estaba bastante por riba da de Dylan, con permiso da nosa colaboradora dylaniana. Iso si, o seu instinto autodestrutivo era tamén notable...
Desde fai pouco temos un novo documental ou film sobre el e The Doors que remedie "esa cousa" feita por Oliver Stone fai tempo, que consideramos carece de tino e confunde o tono.
¿Pero non vai este club-blog de rock´n´roll e literatura? Pois aquí temos: unha estrela do r&r tiña como proxecto deixar o mundo do espectáculo e dedicarse á poesía, e ese é un dos motivos da súa viaxe a París, onde morrerá. Quedan os seus poemas (publicados en castelán dous libros por Fundamentos, Colección Espiral), moitos deles ou talvez todos visibles na rede (outros gravados en disco polo propio Morrison, con engadidos musicais de discutible gusto non pedidos feitos polos seus compañeiros de Th Doors despois da súa morte). Podemos ver cousas de JM aquí , ou aquí, ou tamén aquí con poemas del. Podes intentar ver e comparar ttraducións dos seus poemas mirando con calma aquí. En fin, hai moito.

Ah: ¿Por que Copppola meteu a canción "This is the End" na súa famosa película "Appcalypse now!"? Por varias razóns, pero unha delas é que el e Morrison (e o teclista dos Doors) foron compañeiros de aula na universidade, estudiando cine, outra das paixóns de JM. (Outra das razóns é Nietzsche, moi querido por JM e moi presente tamén no film de Coppola, aínda que non soe dicirse moi a miudo).

No hay comentarios:

Publicar un comentario