domingo, 3 de julio de 2011

Mr. Mojo Risin´ (unha entrada des-con-textualizada)


Hoxe fai corenta anos da morte de Jim Morrison en París, exactamente dous anos despois da primeira das mortes do universo rockeiro dos sesenta, e falamos da de Brian Jones no 3 de xullo do 69. Brian Jones non significa probablemente nada para as actuais xeracións e polo tanto é difícil para esa xente ver a importacia de BJ naquel entonces, pero o líder dos Stones era unha referencia no mundo do r&r e codeábase con Dylan, Hendrix ou Nico, admirado por Lennon e McCartney. A súa desaparición na casa de Winnie the Pooh foi a primeira das catro "jotas" (BJ, Jimi Hendrix, Janis Joplin e Jim Morrison, todos con vintaesete anos) foi vista por Jim Morrison como unha premonición, como signo do seu fin xa cercano.
Sabemos que había un proxecto dunha cuarta entrega de textos sobre estas catro "jotas", acompañados doutro texto de Azúa. O de Azúa podemos resumilo nunha entrada próxima, máis os textos prometidos quedarán de momento no aire (quen sabe se o curso seguinte...). Na rede pódese atopar algo de BJ con algún interese (ver aquí, p. ex.), mais fomos incapaces de facer outro tanto con Hendrix ou Janis (hai, pero lamentable, estilo papanatas ou trivializador). Caso á parte agora é o de Mr. Mojo Risin´, Jim Morrison...
¿Por que? Porque hai moito na rede (non todo bo, claro), porque hoxe e o corenta aniversario da súa extraña morte, e porque volvendo á entrada anterior sobre as letras de Dylan, Morrison ademais de gran cantante e compositor, é creador de moi boas letras, pola súa intelixencia, ricas e variadas lecturas xa desde noviño (Nietzsche, Baudelaire, Rimbaud, Blake, Huxley...) e porque... era poeta, e bo. Neses poemas nótase o seu interese pola filosofía de Nietzsche, e polo cine, o teatro, a poesía francesa, etc. Era intelixente, culto e orixinal, e todo iso non abunda no ás veces pobre mundo do r&r. Se se me permite a insolencia, a súa sensibilidade e capacidade poética estaba bastante por riba da de Dylan, con permiso da nosa colaboradora dylaniana. Iso si, o seu instinto autodestrutivo era tamén notable...
Desde fai pouco temos un novo documental ou film sobre el e The Doors que remedie "esa cousa" feita por Oliver Stone fai tempo, que consideramos carece de tino e confunde o tono.
¿Pero non vai este club-blog de rock´n´roll e literatura? Pois aquí temos: unha estrela do r&r tiña como proxecto deixar o mundo do espectáculo e dedicarse á poesía, e ese é un dos motivos da súa viaxe a París, onde morrerá. Quedan os seus poemas (publicados en castelán dous libros por Fundamentos, Colección Espiral), moitos deles ou talvez todos visibles na rede (outros gravados en disco polo propio Morrison, con engadidos musicais de discutible gusto non pedidos feitos polos seus compañeiros de Th Doors despois da súa morte). Podemos ver cousas de JM aquí , ou aquí, ou tamén aquí con poemas del. Podes intentar ver e comparar ttraducións dos seus poemas mirando con calma aquí. En fin, hai moito.

Ah: ¿Por que Copppola meteu a canción "This is the End" na súa famosa película "Appcalypse now!"? Por varias razóns, pero unha delas é que el e Morrison (e o teclista dos Doors) foron compañeiros de aula na universidade, estudiando cine, outra das paixóns de JM. (Outra das razóns é Nietzsche, moi querido por JM e moi presente tamén no film de Coppola, aínda que non soe dicirse moi a miudo).

sábado, 2 de julio de 2011

One more cup of coffee before I go...

(Foto de R.G., modificada)

Boas. Parece non haber moito entusiasmo (tampouco) co texto dylaniano. Non obstante temos que lembrar todos que gracias ás letras introducidas por este artista nos sesenta, as letras das cancións de r&r cambiaron. Desde entonces xa non foi o mesmo (xa sabes, "baby, I love you" e de aí non pasamos...).

Son coñecidos e ben grandes os nomes das persoas que sentiron e recoñeceron a influencia deste compositor hoxe en día respectado por todos como posiblemnte ningún outro, sobre todo porque a día de hoxe segue demostrando forza e capacidade á hora de compoñer mantendo un nivel que os que xa están retirados non poden ter, claro, pero os que seguen da súa xeración, tampouco, limitándose en todo caso a demostrar a forza no escenario.
¿Algúns daqueles que aprenderon do de Minnesota? Pois a ver: Pete Townshend dos Who, Mick Jagger dos Stones, John Lennon... E falamos dos sesentas, que naturalmente non foi o final da historia, pero é que os setentas e demais xa eran outros tempos onde Dylan formaba parte da paisaxe desde o principio.

PS: Mañá e 3 de xullo, data siniestra no mundo que nos ocupa. E especialmente patra os doorsianos. ¿Teremos entrada extra mañá?

sábado, 11 de junio de 2011

The freewheeling (texto XII, de Dylan)

Xa viñamos anunciando que un día destes lle tocaría a Dylan apareceres por aquí. O texto que se repartiu son unhas cantas páxinas do penúltimo capítulo de “Chronicles: volume one”, o máis semellante a unhas memorias desta caste de cóbrega do medio oeste, escorregadizo no tocante á súa vida á marxe do escenario, e un pouquiño troleiro cando lle dá por falar. Por exemplo, aquí (é unha entrevista transcrita do ano 62, da cal tamén hai disco con temas en directo). Aínda que o exemplo mellor, témolo no libro mesmo, tanto no capítulo primeiro coma no quinto, pois ao contares as súa aventuriñas de mozo, -os primeiros contactos coas casas de discos, os bares e coches, o frío inverno de Nova York-, conta tamén como formaba parte do xogo o ir inventando unha lenda para sí mesmo ó paso, entre canción e canción. Nótese, por certo, que non eludimos o subtítulo na mención da obra en cuestión, pois iso de “volume one” parece anunciar un “volume two” inminente que revolucionará o panorama editorial e musical. Mais non, amigos. Polo momento, e xa van ben uns oito aniños dende a edición orixinal en inglés, seguimos igual.
O texto que lemos é máis ou menos do ano 87 ou 88, tempos estraños para un Dylan que nin atopa a voz nin compón cancións, algo farto xa de todo. Reclúese na casa, amaña o xardín, e cousas así, ata que unha noite, oh musas, escribe "Political World" e todo muda. Parécelle que aí hai algo, e iso é cousa seria para alguén que cre nas esencias e na verdade das cousas. Cando Bono lle fai unha visita amósalla, e este recoméndalle ó produtor idóneo para sacar adiante un disco bo, xusto que necesitaba. O mago en cuestión vén sendo Daniel Lanois, produtor, entre outras cousas, e xunto a Brian Eno neste caso, de The Joshua Tree. Acordan gravar en Nova Orleáns cando comece a primavera, o cal sona moito mellor do que en realidade foi. Houbo moitos problemas diso que chaman "o concepto", e polo visto Dylan sentía que lle estaban a quitar o "aquel" das súas cancións. Si, foi duro. Pero o resultado supuxo o primeiro éxito en anos para o de Minnesota, e unha estancia bastante agradable nun lugar que non aborrece, onde as noites deben ser preciosas e seica arrecende a flores. (Cóllase o libro en calquera biblioteca, váiase á páxina 186 ata a 190 e deléitese un nas bonitas descricións, amplas coma ventás pola que asomarse a mirar. Sona a isto, va que si?)
Ben, ¿e que máis? Está a viaxe na moto, unha aparentemente doce xornada polas veigas de Luisiana que, sen embargo, non deixa de entrañar algo que produce inquietude, como de ollos a mirarnos entre as sombras. Por outro lado, o da moto é moi simbólico polo do accidente do 66 (a mellor fonte de información en castelán sobre Dylan, na que está referenciada a importancia "artística" do accidente de marras é esta entrada da Wikipedia. Algún fan serio, supoño....) peche brusco dunha época concreta da súa carreira, como se pode ver no documental de Scorsese "No direction home" E xa que se fala dun, dicir para rematar que existe outro documental moi ben editado na versión española, cunha caixa chea de artiluxios só para Moi fans. Está dirixido por Pennebaker, e filma a xira británica do 65. O título é "Don´t look back". E que alguén me explique o por que duns títulos de documental baseados nunha negación...

(M.)

martes, 7 de junio de 2011

Ron in the Stones

E xa desde o setenta e cinco oficialmente RW é un stone máis, se ben a relación con Mick Jagger, Keith Richards (o seu mentor) ou incluso con outros membros da banda xa existía en menor ou maior grao (cando Mick Taylor entrou nos Stones en realidade parece ser que Jagger fixera unha intentona previa para contactar con Ronnie, pero un membro do grupo no que entonces estaba fíxoo imposible nunha conversación telefónica da que RW tivo noticia soamente anos despois).
Pressentamos aquí varios vídeos anteriores á decadencia na que agora resisten. Primeiro, no 76 en Alemaña Occidental na primeira xira de RW cos Stones, da época dos feitos relatados no texto XI, cun Jagger, en fin, unn pouquiño... subidiño (eran outros tempos). Im-pres-cin-di-ble que sexa visto o vídeo ata o final:

Outro botón de mostra, neste vídeo gravado anos despois:

Rematamos con outra pallasada, algo anterior no tempo ao vídeo de "She´s so cold", e polo que din, o derradeiro número un dos Stones na súa carreira discográfica (o que non é o mesmo que o seu final, pois eles xogan noutra liga). Soamente podemos ofrecer o enlace, aquí mesmo.
E seguen. Anuncian xira próxima, de despedida, prometen (despedida dos grandes estadios, non das actuacións en directo: hai animais que necesitan morren enriba do escenario...).
(En poucos día, a entrada dedicada a Bob Dylan e o texto XII).

lunes, 6 de junio de 2011

Faces of Woody

Antes de entrar nos Stones Ron Wood tivo unha intensa vida noutros grupos, e cabe destacar o grupo (The) Faces, no que tamén estaba un Rod Stewart (voz) a piques de dar o salto á carreira en solitario que tantos quixeramos non ter coñecida...
Ofrecemos un par de vídeos, e se notas certo aire "stoneano", non hai que extrañarse, claro. Woody, naturalmente, á guitarra:

Aí vai o segundo, non sei se con moi bo sonido:

sábado, 28 de mayo de 2011

Rolling with the Stones (texto XI)

Ron Wood, autor coa axuda do pertinente plumífero profesional deste texto XI, estivo en mil batallas do r&r británico antes de unirse aos Stones no 75 cando o guitarra Mick Taylor decide finalmente abandonar o grupo cansado de ser ninguneado nos créditos das cancións sempre indefectiblemente firmadas polo tándem Jagger & Richards. Graciosa a cousa: ¿lembras o vídeo de marineriños cantando It´s only rock´roll...? A composición foi, como non, firmada no 73 polos dous de sempre, pero e realidade é de Jagger, coa axuda do seu amigo de entonces, o guitarra de The Faces, Ronnie Wood (e coros entre outros de Bowie), quen nunca constou nos créditos -como tampouco noutras futuras dos Stones-, se ben é certo que Jagger renunciou a aparecer nos doutra cancionciña dun disco de Wood deses tempos: foi un acordo no que Jagger, para variar, soubo xogar con ventaxa.


Ao que iamos: Woody deixa ao seu moribundo grupo, The Faces, unha vez escollido por Jagger e sobre todo Richards, que veía nel a posibilidade de tocar como nos tempos de Brian Jones, antes da aparición de Taylor: sen guitarra propiamente "solista"; coa posibilidade de enredar os guitarrazos dun e doutro no escenario e no estudio. Ademais Woody tiña un as na manga para ser escollido fronte nada menos que a Clapton, Harvey Mandel ou Wayne Perkins (chegou a falarse tamén do inxustamente olvidado Wilko Johson, guitarra dos Dr. Feelgood do comezo ): a súa capacidade para convivir con eles nas súas xiras. Woody xogou ben as súas cartas: Bingo! "Xa estás na banda", díxolle o seu ídolo Richards; faltoulle tempo para ir correndo ao teléfono e cantar: "Papá: xa son un rolling stone".

Pouco tempo despois de rematar a gravación de Black and Blue, no tour polos EE UU, Keith, Woody e un acompañante da banda fan unha extraña viaxe en coche que máis parece unha escena dos irmáns Marx. Richards volve a contala na súa recente exitosa (?) autobiografía escrita coa acostumada axuda do plumífero de turno, a maior gloria do seu mito de figura do r&r no que el mesmo e algúns inxenuos seguen crendo (véase a intelixente visión disto do stoneano Diego A. Manrique), mais en realidade contouna previamente Wood no seu Memorias de un Rolling Stone da que extraemos este texto XI. Ben é certo que Wood conta a travesía, pero o heroe principal segue a ser o seu mentor KR: Woody soamente pasaba por alí, como quen di (digan o que digan, non só o "machismo" éstá moi presente no mundiño supostamente máis ¿rebelde? do r&r, senón tamén certa orde xerárquica que moitos fans desta música non aceptarían nas oficinas nas que sudan seis días á semana).

Ben, non todo ten que ser grave e dramático no mítico mundo do rock´n´roll. Tomemos as cousas con algo de humor e leamos este texto XI como o que tamén é: un par de endeusados guitarristas roqueiros facendo de pallasos. Os mitos son mitos, e os do r&r tamén. O mito de Keith Richards é unha creación do propio KR que chegou a crerse el mesmo, e aí está outra das diferencias co personaxe que Jagger fixo de si mesmo: Jagger sempre soubo, desde o principio, que o seu personaxe non era senón ficción, representación, invención. O di en cada entrevista, se un está atento; o di ao final de cada actuación (é o último en irse do escenario e despois de facer unha reverencia típica do teatro ou da commedia del arte, por exemplo). Richards polo contrario en cada entrevista quere seguir sendo visto como fóra da lei, como personaxe realmente perigroso para "o sistema". Jagger sábese un personaxe, unha representación; Richards preténdese máis "auténtico" só por non saberse outra ficción. ¿Cuestión de intelixencia, ou de ciumes profesionais...?

Aleluia, irmán: Sic transit gloria mundi.

sábado, 7 de mayo de 2011