
O texto que lemos é máis ou menos do ano 87 ou 88, tempos estraños para un Dylan que nin atopa a voz nin compón cancións, algo farto xa de todo. Reclúese na casa, amaña o xardín, e cousas así, ata que unha noite, oh musas, escribe "Political World" e todo muda. Parécelle que aí hai algo, e iso é cousa seria para alguén que cre nas esencias e na verdade das cousas. Cando Bono lle fai unha visita amósalla, e este recoméndalle ó produtor idóneo para sacar adiante un disco bo, xusto que necesitaba. O mago en cuestión vén sendo Daniel Lanois, produtor, entre outras cousas, e xunto a Brian Eno neste caso, de The Joshua Tree. Acordan gravar en Nova Orleáns cando comece a primavera, o cal sona moito mellor do que en realidade foi. Houbo moitos problemas diso que chaman "o concepto", e polo visto Dylan sentía que lle estaban a quitar o "aquel" das súas cancións. Si, foi duro. Pero o resultado supuxo o primeiro éxito en anos para o de Minnesota, e unha estancia bastante agradable nun lugar que non aborrece, onde as noites deben ser preciosas e seica arrecende a flores. (Cóllase o libro en calquera biblioteca, váiase á páxina 186 ata a 190 e deléitese un nas bonitas descricións, amplas coma ventás pola que asomarse a mirar. Sona a isto, va que si?)
Ben, ¿e que máis? Está a viaxe na moto, unha aparentemente doce xornada polas veigas de Luisiana que, sen embargo, non deixa de entrañar algo que produce inquietude, como de ollos a mirarnos entre as sombras. Por outro lado, o da moto é moi simbólico polo do accidente do 66 (a mellor fonte de información en castelán sobre Dylan, na que está referenciada a importancia "artística" do accidente de marras é esta entrada da Wikipedia. Algún fan serio, supoño....) peche brusco dunha época concreta da súa carreira, como se pode ver no documental de Scorsese "No direction home" E xa que se fala dun, dicir para rematar que existe outro documental moi ben editado na versión española, cunha caixa chea de artiluxios só para Moi fans. Está dirixido por Pennebaker, e filma a xira británica do 65. O título é "Don´t look back". E que alguén me explique o por que duns títulos de documental baseados nunha negación...
(M.)