Mostrando entradas con la etiqueta RAY DAVIES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RAY DAVIES. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de abril de 2011

Dave Davies, The Kinks, a paranoia e a salvación (o texto X)


O texto X está sacado de Autobiografía (Lenoir Ediciones), de Dave Davies, irmán do líder dos Kinks, Ray Davies ("Ray", no texto), o máis importante compositor do grupo, se ben Dave ten algunhas cancións coñecidas. En calquera caso Dave é o creador dese son da guitarra de "You really got me", considerado un dos precedentes, xunto co son dos Who e coa cancionciña dos Beatles do Álbum Branco titulada "Helter Skelter" que, atención, está composta polo máis inesperado, McCartney, un dos precedentes, dicíamos, diso que a xente ten o costume de chamar heavy (Steppenwolf e Led Zeppelin á parte).
Pode que non coñezas aos Kinks, pero ese grupo era parte da movida dos sesenta en Londres, xunto cos Who, os Stones, os Beatles, os Animals e catro ou cinco mil máis. Algunhas das composicións de Ray Davies non teñen nada que envidiar en absoluto ás dos outros grupos antes nomeados.
O texto X sempre me recordou a outro doutro roqueiro, San Agostín de Hipona ( ss. IV-V), nas súas Confesións, cando fala do momento da súa conversión ao cristianismo xunto ao seu amigo. Aquí temos a Dave, vítima da paranoia nunha habitación do hotel na enésima xira, xa insoportable. Escoita voces, e ao final, igual que Agostín cre escoitar na canción dun neno que xoga a mensaxe de Deus, Dave atopa unha saída salvífica que evita o seu suicidio en Linda. Curioso. De feito, Dave deixóuse despois ir polo camiño de certas crenzas un tanto chocantes (extraterrestres, ocultismo, etc.).
Moitas veces lemos cousas sobre extraños e violentos comportamentos dos roqueiros nos hoteles (os baterías dos Who e dos Led lévanse o premio, pero os compoñentes dos Faces ou do autor do texto X non andan lonxe, e ás veces facían das súas xuntiños, porque Deus críaos e eles xúntanse). Neste texto X podemos ver que as xiras, o tempo fóra da casa e afastados dos amigos e familiares explican en parte esas condutas. Unha das maiores diferencias que Ron Wood nota cando pasa dos Faces aos Stones a partir do 75 é precisamente a vida nos hoteis e o transcurso das xiras: era ben diferente nun grupo e noutro. Subir aos Stones era nos setentas deixar certas situacións que agora no texto X somos quen de ver e oír.