Mostrando entradas con la etiqueta RON WOOD. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RON WOOD. Mostrar todas las entradas

martes, 7 de junio de 2011

Ron in the Stones

E xa desde o setenta e cinco oficialmente RW é un stone máis, se ben a relación con Mick Jagger, Keith Richards (o seu mentor) ou incluso con outros membros da banda xa existía en menor ou maior grao (cando Mick Taylor entrou nos Stones en realidade parece ser que Jagger fixera unha intentona previa para contactar con Ronnie, pero un membro do grupo no que entonces estaba fíxoo imposible nunha conversación telefónica da que RW tivo noticia soamente anos despois).
Pressentamos aquí varios vídeos anteriores á decadencia na que agora resisten. Primeiro, no 76 en Alemaña Occidental na primeira xira de RW cos Stones, da época dos feitos relatados no texto XI, cun Jagger, en fin, unn pouquiño... subidiño (eran outros tempos). Im-pres-cin-di-ble que sexa visto o vídeo ata o final:

Outro botón de mostra, neste vídeo gravado anos despois:

Rematamos con outra pallasada, algo anterior no tempo ao vídeo de "She´s so cold", e polo que din, o derradeiro número un dos Stones na súa carreira discográfica (o que non é o mesmo que o seu final, pois eles xogan noutra liga). Soamente podemos ofrecer o enlace, aquí mesmo.
E seguen. Anuncian xira próxima, de despedida, prometen (despedida dos grandes estadios, non das actuacións en directo: hai animais que necesitan morren enriba do escenario...).
(En poucos día, a entrada dedicada a Bob Dylan e o texto XII).

lunes, 6 de junio de 2011

Faces of Woody

Antes de entrar nos Stones Ron Wood tivo unha intensa vida noutros grupos, e cabe destacar o grupo (The) Faces, no que tamén estaba un Rod Stewart (voz) a piques de dar o salto á carreira en solitario que tantos quixeramos non ter coñecida...
Ofrecemos un par de vídeos, e se notas certo aire "stoneano", non hai que extrañarse, claro. Woody, naturalmente, á guitarra:

Aí vai o segundo, non sei se con moi bo sonido:

sábado, 28 de mayo de 2011

Rolling with the Stones (texto XI)

Ron Wood, autor coa axuda do pertinente plumífero profesional deste texto XI, estivo en mil batallas do r&r británico antes de unirse aos Stones no 75 cando o guitarra Mick Taylor decide finalmente abandonar o grupo cansado de ser ninguneado nos créditos das cancións sempre indefectiblemente firmadas polo tándem Jagger & Richards. Graciosa a cousa: ¿lembras o vídeo de marineriños cantando It´s only rock´roll...? A composición foi, como non, firmada no 73 polos dous de sempre, pero e realidade é de Jagger, coa axuda do seu amigo de entonces, o guitarra de The Faces, Ronnie Wood (e coros entre outros de Bowie), quen nunca constou nos créditos -como tampouco noutras futuras dos Stones-, se ben é certo que Jagger renunciou a aparecer nos doutra cancionciña dun disco de Wood deses tempos: foi un acordo no que Jagger, para variar, soubo xogar con ventaxa.


Ao que iamos: Woody deixa ao seu moribundo grupo, The Faces, unha vez escollido por Jagger e sobre todo Richards, que veía nel a posibilidade de tocar como nos tempos de Brian Jones, antes da aparición de Taylor: sen guitarra propiamente "solista"; coa posibilidade de enredar os guitarrazos dun e doutro no escenario e no estudio. Ademais Woody tiña un as na manga para ser escollido fronte nada menos que a Clapton, Harvey Mandel ou Wayne Perkins (chegou a falarse tamén do inxustamente olvidado Wilko Johson, guitarra dos Dr. Feelgood do comezo ): a súa capacidade para convivir con eles nas súas xiras. Woody xogou ben as súas cartas: Bingo! "Xa estás na banda", díxolle o seu ídolo Richards; faltoulle tempo para ir correndo ao teléfono e cantar: "Papá: xa son un rolling stone".

Pouco tempo despois de rematar a gravación de Black and Blue, no tour polos EE UU, Keith, Woody e un acompañante da banda fan unha extraña viaxe en coche que máis parece unha escena dos irmáns Marx. Richards volve a contala na súa recente exitosa (?) autobiografía escrita coa acostumada axuda do plumífero de turno, a maior gloria do seu mito de figura do r&r no que el mesmo e algúns inxenuos seguen crendo (véase a intelixente visión disto do stoneano Diego A. Manrique), mais en realidade contouna previamente Wood no seu Memorias de un Rolling Stone da que extraemos este texto XI. Ben é certo que Wood conta a travesía, pero o heroe principal segue a ser o seu mentor KR: Woody soamente pasaba por alí, como quen di (digan o que digan, non só o "machismo" éstá moi presente no mundiño supostamente máis ¿rebelde? do r&r, senón tamén certa orde xerárquica que moitos fans desta música non aceptarían nas oficinas nas que sudan seis días á semana).

Ben, non todo ten que ser grave e dramático no mítico mundo do rock´n´roll. Tomemos as cousas con algo de humor e leamos este texto XI como o que tamén é: un par de endeusados guitarristas roqueiros facendo de pallasos. Os mitos son mitos, e os do r&r tamén. O mito de Keith Richards é unha creación do propio KR que chegou a crerse el mesmo, e aí está outra das diferencias co personaxe que Jagger fixo de si mesmo: Jagger sempre soubo, desde o principio, que o seu personaxe non era senón ficción, representación, invención. O di en cada entrevista, se un está atento; o di ao final de cada actuación (é o último en irse do escenario e despois de facer unha reverencia típica do teatro ou da commedia del arte, por exemplo). Richards polo contrario en cada entrevista quere seguir sendo visto como fóra da lei, como personaxe realmente perigroso para "o sistema". Jagger sábese un personaxe, unha representación; Richards preténdese máis "auténtico" só por non saberse outra ficción. ¿Cuestión de intelixencia, ou de ciumes profesionais...?

Aleluia, irmán: Sic transit gloria mundi.

martes, 19 de abril de 2011

Dave Davies, The Kinks, a paranoia e a salvación (o texto X)


O texto X está sacado de Autobiografía (Lenoir Ediciones), de Dave Davies, irmán do líder dos Kinks, Ray Davies ("Ray", no texto), o máis importante compositor do grupo, se ben Dave ten algunhas cancións coñecidas. En calquera caso Dave é o creador dese son da guitarra de "You really got me", considerado un dos precedentes, xunto co son dos Who e coa cancionciña dos Beatles do Álbum Branco titulada "Helter Skelter" que, atención, está composta polo máis inesperado, McCartney, un dos precedentes, dicíamos, diso que a xente ten o costume de chamar heavy (Steppenwolf e Led Zeppelin á parte).
Pode que non coñezas aos Kinks, pero ese grupo era parte da movida dos sesenta en Londres, xunto cos Who, os Stones, os Beatles, os Animals e catro ou cinco mil máis. Algunhas das composicións de Ray Davies non teñen nada que envidiar en absoluto ás dos outros grupos antes nomeados.
O texto X sempre me recordou a outro doutro roqueiro, San Agostín de Hipona ( ss. IV-V), nas súas Confesións, cando fala do momento da súa conversión ao cristianismo xunto ao seu amigo. Aquí temos a Dave, vítima da paranoia nunha habitación do hotel na enésima xira, xa insoportable. Escoita voces, e ao final, igual que Agostín cre escoitar na canción dun neno que xoga a mensaxe de Deus, Dave atopa unha saída salvífica que evita o seu suicidio en Linda. Curioso. De feito, Dave deixóuse despois ir polo camiño de certas crenzas un tanto chocantes (extraterrestres, ocultismo, etc.).
Moitas veces lemos cousas sobre extraños e violentos comportamentos dos roqueiros nos hoteles (os baterías dos Who e dos Led lévanse o premio, pero os compoñentes dos Faces ou do autor do texto X non andan lonxe, e ás veces facían das súas xuntiños, porque Deus críaos e eles xúntanse). Neste texto X podemos ver que as xiras, o tempo fóra da casa e afastados dos amigos e familiares explican en parte esas condutas. Unha das maiores diferencias que Ron Wood nota cando pasa dos Faces aos Stones a partir do 75 é precisamente a vida nos hoteis e o transcurso das xiras: era ben diferente nun grupo e noutro. Subir aos Stones era nos setentas deixar certas situacións que agora no texto X somos quen de ver e oír.

sábado, 16 de abril de 2011

It´s only rock´n´roll, but I like it (we´re back!)



Dábannos por mortos..., mais estamos de volta!
En fin, que se non editaba este vídeo neste blog morría..., e aí o tes.
Ah, aqueles felices tempos na Armada...
Por certo, había outros por alí que tamén:


Temos pois unha nova entrega, a terceira, e agora con textos escritos polos propios delincuentes: Patti Smith, falando dos tempos do famosísimo Chelsea Hotel de N.Y, co seu amigo o fotógrafo xa morto Mappelthorpe; o guitarrista dos Kinks, Dave Davies, en plena crise e tocando fondo, na habitación do hotel de turno; Ronnie Wood en compañía de Keith Richards por esas autopistas estadounidenses de Deus perseguidos pola policía; Bob Dylan sermoneado polo pai Bono (o de U2, non o pai Bono de por acá) e fuxindo en moto. En próximas entradas completaremos a presentación destes textos.
A curtametraxe "After-Action" (1967) do cineasta alemán Hellmuth Costard contaba o que soe omitirse nas historias policíacas: o que pasa xustiño despois do atraco, ou xustiño antes de que sexan capturados, ou o tempo de espera... (Anos despois, o listo do pobo, o señor Tarantino, filma a súa peli "Reservoir Dogs" onde a pantasma de Costard planea sen dicir palabra).
Nós xogamos nesta Entrega III a algo parecido: nas xiras, entre actuación e show, nas estradas, nos hoteis, nos tempos mortos, ou nas esperas a que chegue o tempo dunha (Patti Smith), ¿que ocorre coa fauna do r&r? O antes e o despois do que vemos no escenario. Hoteis e estradas, "carretera y manta", que dicía o castizo.