Mostrando entradas con la etiqueta REUNIÓNS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta REUNIÓNS. Mostrar todas las entradas

miércoles, 23 de febrero de 2011

E outra vez coa Reunión II (¿que hai de novo, vello?)

Unha persoa das presentes na derradeira reunión que tivemos polo de agora chegou a decir un par de veces polo menos que nos tempos que agora temos que vivir non hai xa innovación no mundo da música, senón repetición, ou incluso dexeneración, e que a música dos cincuenta e sesenta segue a ser unha referencia. A xente de hoxe incluso pode estar deixando de escoitar rock e dedicarse ao rap ou ao pop (un pop alleo ao rock, enténdese). Ben, algo así escoitamos, se ben non sei se esa persoa prefire agora matizar as súas palabras, ou corrixir esta entrada.
En calquera caso, esta entrada pretende abrir un debate que podemos resolver en forma de comentarios (en plural), ou ben, se alguén prefire, en forma doutras entradas que contesten a ésta.
A pregunta é: ¿hai ou non hai innovación real, algo relamente novo, unha busca de novas músicas, ou de novas formas de compoñer no ámbito do rock, ou ben, máis alá diso, novas formas de compoñer música? Se a resposta é "si", podemos intentar dar algo de información sobre iso, e engadir algún enlace que outro por se alguén ten curiosidade... Se a resposta é "non", podemos tamén intentar dicir as razón que nos levan a ese "non".
Boa caza...

martes, 22 de febrero de 2011

Máis sobre a Reunión II (un par de pelis)


Na pasada reunión falamos tamén dun par de cousas que pretendemos tratar agora nesta entrada e na seguinte: pelis sobre os Beatles e a cuestión da suposta inexistencia de innovación no mundo musical nos últimos anos. Ímos co primeiro:
Todos sabemos que cando The Beatles aínda estaban xuntos fixeron varias películas ("Qué noche la de aquel día", "The Yellow Submarine" en debuxos animados, ou "Let it be", p. ex.), pero queremos falar agora dun par de filmes que podes sen dúbida atopar en internet ou en YouTube, non sabemos se en inglés con subtítulos ou como, pero son a chamada "Backbeat", que está, ambientada na época dos Beatles en Hamburgo, e "All You need is Cash", documental-televisivio ficticio sarcástico no que aparecen músicos moi coñecidos falando dun suposto grupo xa desaparecido, The Rutles, que non é outro que un trasunto dos Beatles. Naturalmente xa o propio título fai referencia á canción "All You need is Love", dos de Liverpool.

lunes, 21 de febrero de 2011

Reunión II (25.2.11): a explosión do "British pop"

Reunímonos en torno a un par de enormes mesas case todos (faltou a nova fichaxe por un compromiso académico). A reunión foi ben e non tan ben. A ver...
Foi ben xa que falamos todo o tempo, e falamos todos, o que sempre está ben. Abordamos cuestións como o Hamburgo bombardeado e o Hamburgo que ve o inicio do despegue dos Beatles; a imaxe tópica dese grupo, e a que agora descobrimos no texto de Goldmann que presenta outros aspectos máis... escuros e non convencionais; a personalidade de Lennon e a posibilidade que hai en toda biografía de mostrar a cara que o escritor quere do biografiado (a peor, ou a heroica: no caso de Goldmann, unha de Lennon non moi boa moralmente falando. Hai outra biografía máis recente de Lennon, en Anagrama, e o interesado pode contrastar con ela a tese de Goldmann); a suposta posta en venta de Lennon e a súa banda en busca do éxito, mellor encaixada por McCartney que por John Lennon; unha tímida e brevísima referencia á canción escollida como exemplo da forma de compoñer e gravar dos Beatles; e pouco máis en relación cos textos...
Pensa un que non tan ben xa que en definitiva a conversación foi demasiado vaga e ampla, sobre o rock en xeral e as tendencias e gustos de hoxe, outra vez en xeral. De feito, probablemente falamos máis da Factoría Disney e os seus produtos musicais para adolescentes hedonistas pero sumisos, que dos contidos dos textos escollidos para este día: aparición do British pop en relación co final da II Guerra Mundial e as bases americanas en Europa, os comezos dos Beatles en Hamburgo e o alí vivido, as relacións entre os compoñentes da banda, a relación da agresividade ou violencia no r&r, a creatividade dos Beatles na gravación de "A Day in the Life"; a importancia da movida londinense de entonces, etc. Todo iso quedou máis ben no tinteiro.
Pero ben: así son os clubs de lectura: sae o que o grupo quere, e o coordinador non sempre sabe facer ben a súa función...
Antes de rematar esta entrada, unha referencia bibliográfica para os curiosos: o libro de Albert Goldmann, Las vidas de John Lennon, de Grijalbo, pódese atopar na Biblioteca González Garcés de Coruña (Elviña), e tamén a nova biografía de Lennon antes dita. O libro Un día en la vida (ed. Grijalbo), de M. Hertzgaard, está á túa disposición na Biblioteca da Deputación da Coruña (xunto ao Teatro Rosalía). Tamén na González Garcés os libros Sobre la historia natural de la destrucción (Anagrama), de W.S. Sebald, e Rolling Stones. Los viejos dioses nunca mueren (ed. Ma Non Troppo), de S. Davis (as obras deste autor dedicadas a Jim Morrison e Led Zeppelin teñen tamén recoñecido prestixio, nun xénero, o da literatura dedicada ao r&r, que deixa en xeral basrtante que desexar: hai moito libriño feito da calquera maneira e deprisa e correndo só polo diñeiro. Non é o caso).
Deixámolo aquí. Pronto chegarán ás túas mans os seguintes textos, e da Reunión III xa falaremos despois... A partir de agora, todo aquel que queira engadir ou matizar algo, ou o que sexa, sobre os textos da Entrega II, non só pode, senón que pedimos por favor e pola Virxe que o faga. Unha reunión de corenta minutos dá de si, pero non para todo, e este blog é tamén para iso. Por non falar dos compoñentes "virtuais" deste blog que brillan polo seu... silencio: ¿que pasa con vosoutros, K., M., I. e A.? ¿Aló? ¿Mmmmhhh...?

domingo, 13 de febrero de 2011

De cara á pronta Reunión II (a explosión do "British pop")

Boas. De cara a próxima reunión, aínda por fixar, pero cercana, temos varios temas dos que falar, e aquí facemos un breve recordatorio deles por se acaso:
  • A relación entre o final da II Guerra Mundial e das bases militares estadounidenses en UK, Alemania e resto de Europa, e a aparición do r&b e o r&r por este lado do Atlántico.
  • O cambio que a xente nova de Hamburgo tivo que vivir en relación cos antigos inimigos.
  • Se o r&r que chega do Imperio é parte do colonialismo cultural ou non.
  • Como eran os Beatles nos comezos, e a imaxe que despois intentaron dar.
  • Lennon: como era e que imaxe daba despois como líder dos Beatles de Epstein (o manager). Tamén podemos falar do suposto "pacifismo" de Lennon dos últimos anos, cos Beatles xa separados: se era crible ou non.
  • Sobre a forma de compoñer deles no 67.
  • Sobre a movida londinense dos sesenta.
  • Sobre a violencia e a agresividade no r&r, desde diferentes puntos de vista.
  • Sobre os liderazgos nos grupos de r&r.
  • Sobre o divino e o humano..., demasiado humano.

lunes, 24 de enero de 2011

Reunión I (24/1/11): A orixe do r&r

Reunímonos sete máis un para falar deses catro textos. Sorpresa primeira: ao parecer foron os dous últimos, os dos encontros dos Beatles e os zeppelins co Rei, os que máis gustaron.
I. estivo falando de blues e r&b, de B.B. King e Little Richard, da liberdade e flexibilidade que permite o blues á hora de improvisar e alongar as pezas, posibilidade que non vía nas actuacións de Berry ou Richard. A raíz disto comentamos a continua absorción por parte dos artistas brancos das fontes inesgotables da música negra nas últimas décadas.
Centrámonos sen embargo no texto de Cohn, que era o que máis daba de si. Falamos dos teenagers dos cincuenta en EE UU, de como Cohn parece ocuparse fundamentalmente dos "teens" brancos, do seu poder económico que agora é novedade, do seu desexo de atopar un novo referente primeiramente buscado nun frustrante Bill Haley e logo nun flamante Elvis, todo xunventude, enerxía e sexualidade. Pero, ¿e os "teens" negros, e as súas propias stars? Iso parece algo dado de lado.
O caso de Elvis e o seu significado ocupou gran parte do noso tempo. Era a primeira auténtica rock´n´roll star e un personaxe admirado e imitado: no vestir, na actitude, etc. Falamos diso que di Cohn de que as mozas tiñan a posibilidade de crear ou crer nunha fantasía sexual sen consecuencias, e na necesidade dos "teens" de ter unha figura que "parecera" perigoso, unha ilusión de perigo, aínda que en realidade Elvis fóra do escenario lera a Biblia, dera bicos brancos á súa querida mami, e cumprira como soldadiño obediente no exército do faraón alá en Alemaña Occidental, amén. Iso, cremos, ten a súa importancia, e deberemos retomalo. As rock stars e a ilusión, a ficción montada arredor delas, a mestura de realidade e mito, se é que ambas cousas se poden separar. E a indubidable carga sexual que leva a estrela do rock, envolta como non nesa nube de ficción ou ilusión. Elvis foi o primeiro en encarnar todo iso..., pero outros chegaron máis tarde que veremos nas próximas reunións.
Tratamos igualmente o modo como Elvis e o seu manager resolveron -¿ou viron como se resolvía por si so?- o problema do imparable envellecemento da primeira "teen" star gracias ao Tío Sam nada menos. E vimos tamén a ambigua posición de Cohn ante o segundo Elvis, recoñecendo á súa decadencia e impostura ao tempo que reafirmando a súa condición non só de auténtica star, senón incluso da máis grande que houbo no cosmos do r&r. Resulta difícil de asimilar esta ambigüidade cohniana, esa ironía ou sarcasmo combinado coa fe nun mito posto moi moito en entredito.
Rematamos: os libros dos encontros cos Beatles e os zeppelins podes atoparlos na biblioteca González Garcés de Coruña. O de Cohn está esgotado, pero podes pedilo á biblioteca de Lugo desde a G. Garcés (servicio interbibliotecario). A obra de Oliver tamén, pero á de Pontevedra.
¿Algo máis? Se calquera quere engadir algo, ou matizalo, sexa deste grupo de sete persoas, sexa do grupo "dos da rede", pode escribir un comentario firmado ou anónimo, ou pode escribir unha entrada pola súa conta se recibíu a invitación e tivo tempo de aceptala.

Pronto chegará ás túas mans outro lote de textos. (Continuará...).

domingo, 23 de enero de 2011

De cara á inminente Reunión I (a orixe)

No diálogo deste luns podemos talvez centrarnos nas nosas impresións xerais sobre os textos e sobre a orixe do r&r. O texto que dá para máis probablemnte é o de Cohn, pola súa extensión, polas súas afirmacións e valoracións atrevidas e numerosas, polas súas opinións polémicas. A bote pronto éstas son algunhas das cousas que trata e podemos discutir (se queremos):


  • O que opina dos "teddy boys"

  • A visión que ofrece da movida de Londres nos sesenta ("Swinging London")

  • Que entende por "pop" e por "r&r"

  • Como presenta á xuventude dos cincuenta, ás suas novas necesidades, forma de ser, gustos, poder adquisitivo, etc.

  • Como valora os artistas inmediatamente anteriores ao r&r

  • O positivo e o negativo de Bill Haley na opinión de Cohn

  • Por que Elvis era unha auténtica rock star, segundo Cohn. A personalidade e a obra de Elvis, e a súa pegada posterior. (Podemos ter en conta os textos dos Beatlles e Zeppos con el)

  • A maiores, podemos ter en conta a información que Oliver engade no seu libro: a orixe do r&r a partir da música negra, etc.

  • Tamén podemos falar de se a xente nova de hoxe en Galicia, que escoita con frecuencia música rock ou relacionada co rock, é consciente da orixe desta música, ou non, e por que...

En fin, e tantas outras cousas... Procuremos ser puntuais mañá, por favor: "tempus fugit", e nos recreos, máis.