lunes, 24 de enero de 2011

Reunión I (24/1/11): A orixe do r&r

Reunímonos sete máis un para falar deses catro textos. Sorpresa primeira: ao parecer foron os dous últimos, os dos encontros dos Beatles e os zeppelins co Rei, os que máis gustaron.
I. estivo falando de blues e r&b, de B.B. King e Little Richard, da liberdade e flexibilidade que permite o blues á hora de improvisar e alongar as pezas, posibilidade que non vía nas actuacións de Berry ou Richard. A raíz disto comentamos a continua absorción por parte dos artistas brancos das fontes inesgotables da música negra nas últimas décadas.
Centrámonos sen embargo no texto de Cohn, que era o que máis daba de si. Falamos dos teenagers dos cincuenta en EE UU, de como Cohn parece ocuparse fundamentalmente dos "teens" brancos, do seu poder económico que agora é novedade, do seu desexo de atopar un novo referente primeiramente buscado nun frustrante Bill Haley e logo nun flamante Elvis, todo xunventude, enerxía e sexualidade. Pero, ¿e os "teens" negros, e as súas propias stars? Iso parece algo dado de lado.
O caso de Elvis e o seu significado ocupou gran parte do noso tempo. Era a primeira auténtica rock´n´roll star e un personaxe admirado e imitado: no vestir, na actitude, etc. Falamos diso que di Cohn de que as mozas tiñan a posibilidade de crear ou crer nunha fantasía sexual sen consecuencias, e na necesidade dos "teens" de ter unha figura que "parecera" perigoso, unha ilusión de perigo, aínda que en realidade Elvis fóra do escenario lera a Biblia, dera bicos brancos á súa querida mami, e cumprira como soldadiño obediente no exército do faraón alá en Alemaña Occidental, amén. Iso, cremos, ten a súa importancia, e deberemos retomalo. As rock stars e a ilusión, a ficción montada arredor delas, a mestura de realidade e mito, se é que ambas cousas se poden separar. E a indubidable carga sexual que leva a estrela do rock, envolta como non nesa nube de ficción ou ilusión. Elvis foi o primeiro en encarnar todo iso..., pero outros chegaron máis tarde que veremos nas próximas reunións.
Tratamos igualmente o modo como Elvis e o seu manager resolveron -¿ou viron como se resolvía por si so?- o problema do imparable envellecemento da primeira "teen" star gracias ao Tío Sam nada menos. E vimos tamén a ambigua posición de Cohn ante o segundo Elvis, recoñecendo á súa decadencia e impostura ao tempo que reafirmando a súa condición non só de auténtica star, senón incluso da máis grande que houbo no cosmos do r&r. Resulta difícil de asimilar esta ambigüidade cohniana, esa ironía ou sarcasmo combinado coa fe nun mito posto moi moito en entredito.
Rematamos: os libros dos encontros cos Beatles e os zeppelins podes atoparlos na biblioteca González Garcés de Coruña. O de Cohn está esgotado, pero podes pedilo á biblioteca de Lugo desde a G. Garcés (servicio interbibliotecario). A obra de Oliver tamén, pero á de Pontevedra.
¿Algo máis? Se calquera quere engadir algo, ou matizalo, sexa deste grupo de sete persoas, sexa do grupo "dos da rede", pode escribir un comentario firmado ou anónimo, ou pode escribir unha entrada pola súa conta se recibíu a invitación e tivo tempo de aceptala.

Pronto chegará ás túas mans outro lote de textos. (Continuará...).

No hay comentarios:

Publicar un comentario