lunes, 21 de febrero de 2011

Reunión II (25.2.11): a explosión do "British pop"

Reunímonos en torno a un par de enormes mesas case todos (faltou a nova fichaxe por un compromiso académico). A reunión foi ben e non tan ben. A ver...
Foi ben xa que falamos todo o tempo, e falamos todos, o que sempre está ben. Abordamos cuestións como o Hamburgo bombardeado e o Hamburgo que ve o inicio do despegue dos Beatles; a imaxe tópica dese grupo, e a que agora descobrimos no texto de Goldmann que presenta outros aspectos máis... escuros e non convencionais; a personalidade de Lennon e a posibilidade que hai en toda biografía de mostrar a cara que o escritor quere do biografiado (a peor, ou a heroica: no caso de Goldmann, unha de Lennon non moi boa moralmente falando. Hai outra biografía máis recente de Lennon, en Anagrama, e o interesado pode contrastar con ela a tese de Goldmann); a suposta posta en venta de Lennon e a súa banda en busca do éxito, mellor encaixada por McCartney que por John Lennon; unha tímida e brevísima referencia á canción escollida como exemplo da forma de compoñer e gravar dos Beatles; e pouco máis en relación cos textos...
Pensa un que non tan ben xa que en definitiva a conversación foi demasiado vaga e ampla, sobre o rock en xeral e as tendencias e gustos de hoxe, outra vez en xeral. De feito, probablemente falamos máis da Factoría Disney e os seus produtos musicais para adolescentes hedonistas pero sumisos, que dos contidos dos textos escollidos para este día: aparición do British pop en relación co final da II Guerra Mundial e as bases americanas en Europa, os comezos dos Beatles en Hamburgo e o alí vivido, as relacións entre os compoñentes da banda, a relación da agresividade ou violencia no r&r, a creatividade dos Beatles na gravación de "A Day in the Life"; a importancia da movida londinense de entonces, etc. Todo iso quedou máis ben no tinteiro.
Pero ben: así son os clubs de lectura: sae o que o grupo quere, e o coordinador non sempre sabe facer ben a súa función...
Antes de rematar esta entrada, unha referencia bibliográfica para os curiosos: o libro de Albert Goldmann, Las vidas de John Lennon, de Grijalbo, pódese atopar na Biblioteca González Garcés de Coruña (Elviña), e tamén a nova biografía de Lennon antes dita. O libro Un día en la vida (ed. Grijalbo), de M. Hertzgaard, está á túa disposición na Biblioteca da Deputación da Coruña (xunto ao Teatro Rosalía). Tamén na González Garcés os libros Sobre la historia natural de la destrucción (Anagrama), de W.S. Sebald, e Rolling Stones. Los viejos dioses nunca mueren (ed. Ma Non Troppo), de S. Davis (as obras deste autor dedicadas a Jim Morrison e Led Zeppelin teñen tamén recoñecido prestixio, nun xénero, o da literatura dedicada ao r&r, que deixa en xeral basrtante que desexar: hai moito libriño feito da calquera maneira e deprisa e correndo só polo diñeiro. Non é o caso).
Deixámolo aquí. Pronto chegarán ás túas mans os seguintes textos, e da Reunión III xa falaremos despois... A partir de agora, todo aquel que queira engadir ou matizar algo, ou o que sexa, sobre os textos da Entrega II, non só pode, senón que pedimos por favor e pola Virxe que o faga. Unha reunión de corenta minutos dá de si, pero non para todo, e este blog é tamén para iso. Por non falar dos compoñentes "virtuais" deste blog que brillan polo seu... silencio: ¿que pasa con vosoutros, K., M., I. e A.? ¿Aló? ¿Mmmmhhh...?

5 comentarios:

  1. Ola: Todos os membros deste club tedes un novo correo no voso buzón que fará posible escribir entradas neste blog, e non soamente comentarios. O problema que había coas "invitacións" queda deste xeito superado polas bravas. A ver se funciona e a ver se a xente se anima.
    Chao. D.F.

    ResponderEliminar
  2. Ola de novo: acabo de enviar un novo correo a cada un. Nel queda clariño qué hai que facer para poder escribir unha "entrada" neste blog en calidade de "invitado". Pido sexa visto ese correo. Amén.

    ResponderEliminar
  3. Hola, ainda non desaparecin. Estiven lendo o outro dia os temas xa que tiña que facer un traballo sobre as musicas urbanas para Analise Musical. Quedarnme algunhas dudas que tiña sobre orixes dalguns musicos como Chuck Berry que pensei que era de Mississipi e equivoqueime, ademais de que non sabia que gracias a Muddy Waters que lle presentou ao propietario de Chess etc. A Johnnie Ray non o coñecia por exemplo e sera un sacrilexio pero a min recordame a un Chayanne da epoca porque o que e cantarn non me parece que fora un gran cantante polos videos que vin simplemente era espectaculo e eso faime pensar ¿avanzaria moito a nosa maneira de ver un bo musico?. Logo estiben lendo sobre Bo DIDDLEY, e teño unha duvida non sei se fora boxeador semiprofesional, pero bueno soame a que o lera nun libro de musicos de blues. En xeral axudaronme a entender moitas cousas pero o que me sorprendeu foi que os musicos cara os 50 e pico xa non se sebian adaptar as modas da epoca como M. Waters e que eso foi un fracaso e curioso para min. Bueno teremos que facer como El vis que sempre dicia que queria estar a moda jajaja.
    Gracias a todos por este foco cultural tan interesante. Un saudo e R&R

    ResponderEliminar
  4. Ola: alégrome de que non desapareceras... Mr. Misterioso, porque non sei quen es. Sexa como sexa, es de movementos máis ben lentiños, ¿ou? Por esta parada xa pasáramos fai bastante tempo.
    Benvido, an calquera caso. Teño que dicir, sen embargo, que a Entrega III xa está nas mans dos membros do club, pero que houbo baixas, pois eran persoas que non daban noticia nin da súa presencia nin da súa existencia, polo que era cousa de entender que polo que fora non tiñan xa interese... Se ti es un deses, e queres entrar no xogo da Entrega III, que vai de hoteis, xiras e estradas, silba, meu neniño, silba.
    Mirarei iso de Bo Diddley no libro de Paul Oliver, a ver.
    Ugh!

    ResponderEliminar
  5. Para Shaketale (non había un pseudónimo máis curto, ou?): contesto ao de Bo Diddley na derradeira entrada que ata agora hai, a dos Kinks, a ver se así modernizas algo a túa axenda, mh?

    ResponderEliminar