viernes, 11 de febrero de 2011

Sobre o texto VIII (o LP por antonomasia, a arte pop, etc.)

Falar do texto VIII implica falar do LP -nome dos discos grandes de entonces, "Long Play", longa duración: o que hoxe a xente chama "vinilo" que, mira por onde, sobrevivirá ao maldito CD- Sargeant Pepper´s (1967) duns Beatles no máis alto da súa gloria.
Foi o primeiro LP do mundiño do pop/rock (a eterna pregunta, ¿os Beatles eran realmente un grupo de pop ou tamén de rock, ou que?: podemos falar diso na reunión próxima) que non era unha coleción de cancións, senón unha unidade, unha idea, un disco conceptual.
Nese momento McCartney parece tomar as rendas da banda, cun desnortado Lennon, creador e ata entonces capitán do grupo, que non acabou de dixerir ese cambio de roles ou status. Iso foi o comezo do fin. McCartney non era o único artífice desta obra da arte pop dos sesenta, pero si o que máis enerxía poñía para que chegara a bo porto (o sanbenito da convencionalidade, comercialidade e espírito blandengue de McCarney ten base, pero non cando falamos deste LP). A unidade do disco incluía o deseño dunha portada que marcou época.
Houbo un antes e un despois dese disco. Outro tema é se é o mellor deles musicalmente falando (socioloxicamente falando, parece que si): hai quen pon ese LP polas nubes, mentres outros afirman que as cancións nel incluídas a penas supoñen novidades na arte compositiva (¿coa excepción de A Day in the Life, talvez? Falaremos desta canción na próxima entrada deste blog).
Moi probablemente tes esta obra en LP ou CD na túa casa, e como este club vai de música, é de sentido común que escoitalo non está de máis. Tamén podes atopalo na biblioteca pública, ou mirar a lista de temas e buscalos en YouTube ou similar. Reláxate,. non fai falta botar pola ventá toda a túa coleción de Metallica ou Sex Pistols por escoitar a estes tipos (de feito, aquí entre nosoutros, Metallica e Sex Pistols, e incluso La Polla Records se me apuras, escoitaban e escoitan aos Beatles os domingos polas mañás antes de ir visitar ás súas avóas no corazón do bosque do lobiño feroz ése que toca o baixo en non sei que grupo).
¿Ou?

No hay comentarios:

Publicar un comentario