martes, 19 de abril de 2011

Dave Davies, The Kinks, a paranoia e a salvación (o texto X)


O texto X está sacado de Autobiografía (Lenoir Ediciones), de Dave Davies, irmán do líder dos Kinks, Ray Davies ("Ray", no texto), o máis importante compositor do grupo, se ben Dave ten algunhas cancións coñecidas. En calquera caso Dave é o creador dese son da guitarra de "You really got me", considerado un dos precedentes, xunto co son dos Who e coa cancionciña dos Beatles do Álbum Branco titulada "Helter Skelter" que, atención, está composta polo máis inesperado, McCartney, un dos precedentes, dicíamos, diso que a xente ten o costume de chamar heavy (Steppenwolf e Led Zeppelin á parte).
Pode que non coñezas aos Kinks, pero ese grupo era parte da movida dos sesenta en Londres, xunto cos Who, os Stones, os Beatles, os Animals e catro ou cinco mil máis. Algunhas das composicións de Ray Davies non teñen nada que envidiar en absoluto ás dos outros grupos antes nomeados.
O texto X sempre me recordou a outro doutro roqueiro, San Agostín de Hipona ( ss. IV-V), nas súas Confesións, cando fala do momento da súa conversión ao cristianismo xunto ao seu amigo. Aquí temos a Dave, vítima da paranoia nunha habitación do hotel na enésima xira, xa insoportable. Escoita voces, e ao final, igual que Agostín cre escoitar na canción dun neno que xoga a mensaxe de Deus, Dave atopa unha saída salvífica que evita o seu suicidio en Linda. Curioso. De feito, Dave deixóuse despois ir polo camiño de certas crenzas un tanto chocantes (extraterrestres, ocultismo, etc.).
Moitas veces lemos cousas sobre extraños e violentos comportamentos dos roqueiros nos hoteles (os baterías dos Who e dos Led lévanse o premio, pero os compoñentes dos Faces ou do autor do texto X non andan lonxe, e ás veces facían das súas xuntiños, porque Deus críaos e eles xúntanse). Neste texto X podemos ver que as xiras, o tempo fóra da casa e afastados dos amigos e familiares explican en parte esas condutas. Unha das maiores diferencias que Ron Wood nota cando pasa dos Faces aos Stones a partir do 75 é precisamente a vida nos hoteis e o transcurso das xiras: era ben diferente nun grupo e noutro. Subir aos Stones era nos setentas deixar certas situacións que agora no texto X somos quen de ver e oír.

10 comentarios:

  1. Sobre Bo Diddley e o boxeo (para Shaketale, o misterioso, tamén coñecido como "man lenta"): O libro de San Paul Oliver nada di sobre o boxeo deste señor, pero se escribes en Google "Bo Diddley boxeo boxeador" aparecen cousas. Agora ben, todas din o mesmo, porque xa todos sabemos que internet está moi ben, pero hai moito copión e case todo está deprimentemente calcado, fusilado ou repetido. Ben, en tres ou catro sitios falan de que si, de que foi durante pouco tempo boxeador, e que talvez ese extraño pseudónimo que tiña veña deses tempos. Se queres máis información terás que facer o que facemos todos nestes casos: pinchas en Google para que a información sexa buscada soamente en inglés, e despois escribes as palabras máxicas no idioma de Shakespeare, meu fillo. Logo, mira e le, meu amigo. E despois contas.
    De nada (e nunca mellor dito). Con Deus...

    ResponderEliminar
  2. Teño unha dúbida...tal vez sexa unha tonteria pero...por que sempre todos os roqueiros (os máis famosos e supoño que os que non o son tanto tamén)acaban volvéndose relativamente tolos? Crendo en cousas tales como os extraterrestres, o máis alá... Non sei, paréceme sospeitoso... de todas maneiras no que corresponde aá similitude con San Agostín..eu non a atopa exactamente, non vexo que realmente Dave teña algunha similute con el... mmmmmm volveuse moi católico de repente ou algo así?

    ResponderEliminar
  3. Tentando responder a axente 004: son dúas cousas , e comezo pola segunda:
    No tema de ética de Filosofía vimos o ano pasado e tamén éste un fragmento dun texto de Sartre sobre o desamparo e a morte de Deus. Nel, ao principio e sobre todo ao final fálase desa xente que cre nas mensaxes do Alén, de Deus ou algo parecido. Talvez lembres que como exemplo a maiores do contado por Sartre (o xesuíta coleccionista de fracasos) nós introducimos o de Santa Xoana de Arco (que interpretou a presencia dunha espada na herba como unha mensaxe de Deus), o de san Pablo caendo da burra, ou o de Santo Agostín e o canto dun neno. Santo Agostín cre que o cristianismo é a verdadeira relixión, pero carece de forzas para se converter... ata que escoita a cancionciña do neno coa mensaxe de que lea a Biblia "xa". Entón abraza o cristianismo e abadona a súa vida de pecado (os excesos dos roqueiros non eran maiores en proporción que certos excesos deste señor antes da súa conversión pasados os trinta).
    ¿E o Kink DD? Ben, escoita voces no hotel, está angustiado e paranoico e pensando seriamente en matarse saltando pola ventá... Agostín estaba como morto en vida por non ser capaz de converterse. Agostín escoita a voz dun neno cunha mensaxe dun máis alá, o que quere dicir que cre nun Alén, nun Deus, nun Sentido e nunha posibilidade de facer caso a esa mensaxe e "salvarse". Outro tanto DD: cando está a piques de se matar petan a porta e é a súa salvadora: non se mata e se é certo que non se converte a relixión algumha das "establecidas", pasa despois a ser un forte crente na existencia dos extraterrestres dos que espera algún tipo de "salvación" hai estudos que demostran a relación entre a extensión da crise das relixións establecidas e a extensión da crenza na existencia de extraaterrestres que posibilitarán algún tipo de salvación ou mellora para a humanidade), e creo que tamén métese nas así chamadas "ciencias ocultas". Hai polo tanto tamén unha mensaxe dun máis alá, e un Sentido (para a miña existencia, a da humanidade e a do mundo), e unha posibilidade de salvación. Creo que si hai parecido, e é máis interesante en tanto que un atopa esa similitude no lugar máis insospeitado. Talvez quedaría máis claro se leras o comezo da obra autobiográfica de Agostín, "Confesións", na que conta a súa infancia e adolescencia, e os excesos de entonces e despois. Pero a clave para notar o parecido podes atopala tamén no texto de Sartre.
    (Deixo o primeiro tema para outro comentario que segue a éste).

    ResponderEliminar
  4. Seguindo con 004: Imos co primeiro agora:
    Non todos están tolos e non todos tolean no mesmo grao e da mesma maneira. En parte ése é o tema da cuarta entrega de textos, pois ese poker de mortes con jota ten moito que ver co que ti comentas, e Félix de Azúa ten un breve texto sobre isto moi lúcido e divertido que espero vexamos...
    Mick Jagger non toleou, nin Bruce Springsteen(ou comom se escriba), nin Bob Dylan demasiado, nin Bono, nin Santiago Auserón, nin Loquillo pese ao seu nome, nin Patti Smith, nin tantos outros. Pero si é verdade que hai certo comportamento extraño ou friki en Dylan, e máis en Van Morrison, e habíao enormemente en Jim Morrison, Brian Jones, Dave Davies ou en tantos máis.
    Penso que esa tendencia a crer en maxia e ciencias ocultas, e xa non digamos en satanismo ou cousas peores, ten a súa orixe nun par de causas, e soamente é a miña opinión, e non tese "científica" algunha, ¿eh?: 1)por un lado, moitos destes músicos tan adorados e admirados non teñen moita cultura, e moitos nin acabaron o bacharelato. E ter certa cultura é como ter un parachoques contra certas banalidades e simplificacións perigosas; 2) a outra causa é a enorme presión que as súas vidas de estrelas comporta, fóra do escenario e subidos nel. Hai guitarristas que non poden saír ao escenario despois de moitos anos de oficio sen beber alcohol a base de ben (Keith Richards, Ron Wood e tantos máis...). Necesitan, pois, algún tipo de escape ou consolo ideolóxico, a busca dun Sentido (non falo agora de todos: Jim Morrison non cabe nese saco, nin Jagger ou Bowie, nin outros). Tocan moi ben, fan cancións moi boas, pero iso non significa saber máis ca nós ou ser máis intelixentes (hai unha canción de Lou reed que fala disto).
    Dito o cal creo que é moi interesante analizar as diferentes maneiras desas estrelas á hora de se perder por aquí ou aló: un Van Morrison tira á misantropía, como Dylan doutro xeito, e parece unha forma de se protexer; Jim Morrison extrema o dramatismo das súas actuacións e afoga a súa vida en alcohol, para finalnmente fuxir a París coa intención de deixar o show e dedicarse á poesía (non soportaba máis a fama e o seu personaxe); Brian Jones decide matarse antes dos trinta con todo tipo de excesos, e así podíamos seguir con Janis Joplin, Kurt Cobain, Keith Moon, etc., etc., etc. Diferentes xeitos, non todos iguais. Outros parecen ser capaces sen embargo de vivir a fama e o seu personaxe dentro de certa cordura, e o caso máis rechamante para min é talvez Jagger, un caso digno de análise. Paul MacCartney saíuse en certo modo da autopista despois da separación da súa banda; John Lennon tiña unah relación ambivalente e non sempre fácil coa fama. Jagger e quizais Bowie levarono mellor, penso, non sei...
    Demasiado rollo. Mellor será que pare. ¿Que opinades de todo isto?
    Espero as vosas intervencións...

    ResponderEliminar
  5. No que corresponde ao primeiro punto...enton... podería ser certo iso de que en momentos de desesperación máxima os seres humanos buscamos o cobixo onde sexa? É dicir, que tentamos atopar como una "salvación" para aquilo que é inminente (estou a referirme neste caso á morte)?
    Penso que iso que dis poida que lle pase a todo o mundo, non só aos roqueiros famosos coma Dave, ou a personaxes famosas do pasado coma San Agostín...poida que sexa algo comñún a todos os humanos, algo que lonxe ou cedo teremos que atravesar porque debe de ser moi dificil aceptar a idea de que todo remata, de que realmente non hai nada máis aló...non son católica nin sigo ningunha relixión neste momento, mais aínda así non creo que aceptara a idea de morte, penso que sí que hai algo máis alá, non sei moi ben o que, se extraterrestres, ou reencarnación, ou novo o mundo ou o que sexa...son de ciencias e sei ben que o "lóxico " é que non haxa nada máis logo da morte pero...quen quere aceptar esta idea? Penso que ninguén está preparado realmente para asimilalo de verdade...
    Así que poida que o que lles pasou ao noso roqueiro ou ao noso filósofo/teólogo, non sexa algo "exclusivo" senon máis ben algo común a todos os seres humanos, algo que tarde ou temprano todos pasaremos...visto así si que hai relación entre ambos, entre ambos e entre todos os seres humanos... mmmmm aínda que non sei se o meu razonamento estará ben enfocado..jajaja

    Asinado: Axente 004

    ResponderEliminar
  6. E no que corresponde ao punto dous....mmmm non coincido no punto un da túa teoría... poño un exemplo; eu fun educada nunha sociedade e nun medio social que me permitiu acceder a unha educación dende pequena, e aínda que non destaco pola miña cultura xeral, penso que tampouco son unha inculta... e coma min moitos outros que podería nomear pero que non veñen ao caso...e, como di a miña nai, penso que somos os maís vulnerables a "volvernos tolos" a crer nesta clase de ciencias "ocultas" ou na maxía...por que? Porque non cremos nunha relixión da mesma maneira que os nosos pais, avos...ou quen queira que sexa...penso que o ser humano, coma xa dixen, nun momento determinado da súa vida tense que aferrar a algo,sexa o que sexa, apra superar o medo a moitas cousas inminentes coma a morte (propia ou dun ser querido), e penso que é nese momento cando nos achegamos a onde sexa e a quen sexa e, polo tanto, tamén é nese momento cando entramos nas sectas, cando comezamos a crer en fenómenos paranormais ou na maxia e nos meigallos...
    Penso que todo é unha argallada do noso cerebro para crear coma un "campo de protección" contra todo aquilo que non somos capaces de asimilar realmente

    ResponderEliminar
  7. Para OO4: Intentarei responder hoxe aos teus comentarios. Pero se slguén quere adiantrse, eu encantado: nin teño resposta para todo, nin está prohibido meterse aos demais no fregado.
    Ata pronto, pois.

    ResponderEliminar
  8. Para 004, agora con máis tempo, esa cousa:
    A) Respecto ao teu comentario primeiro, non sei se é certo que "todos" temos esa mesma necesidade de Agostín e DD e que polo tanto a semellanza entre ambos é a semellanza entre calquera ser humano e outro ser humano. Penso que a cuestión non era xeral, senón máis concreta. Por moito que o sentimento relixiooso ou como se chame sexa moi común, non creo que todo o mundo vexa mensaxes do outro mundo no canto dun neno ou nunha chamada á porta, nin que abunden persoas que baseen en certo modo a súa conversión en tales mensaxes. E a cuestión é tamén que a vida dunha persoa dedicada ao r&r non parece a vida dun crente en nada, nin en deuses, nin en relixións, nin en nada. Máis ben un percibe nese mundiño un nihilismo xeralizado, e por iso un DD vendo unha mensaxe do transmundo, e a súa "conversión" se se quere rara, pero conversión, é chocante. Creo...
    B) A educación, os adolescentes que aínda non teñen rematado o bacharaelato, etc: Penso que non son o mesmo caso. Umha persoa que está no insti non é un adulto feito e dereito, millonario, entrevistado nas revistas musicais e na tv, que vai dicindo esto e o outro sobre deuses, política, relixión, economía, ecoloxía, drogas, etc. A repercusión das palabras do cantante de moda é ben distinta. Se Maradona se pon un pendente na orella ao dia seguinte mil rapaces fan o mesmo, pero se o fago eu, non se entera ninguén, dicía un amigo meu. Ése é en parte o problema. Que un rapaz adolescente estea aínda estudando non é un caso similar. Agora ben, un roqueiro famoso sen moita preparación intelectual é frecuentemente entrevistado polos mass media e di un montón de cousas, e para moitos fans é unha "autoridade" como o Papa para os católicos, ou o líder politico X para os do seu partido. Entón unha persoa que carece dese parachoques que dicíamos que pode ser a cultura (pensa na "Ilustración" do XVIII é a súa tese)contra a superstición, as expliocacións simplificadoras pero por iso mesmo tranquilizadoras, etc., é vítima de tales ideoloxías, que era, creo recordar, o que ti preguntabas fai tempo. Ben, iso é o que penso, a miña opinión, nada máis.
    Non sei se son moi coherente ou convibncinte. Probablemente non. Engado un apunte máis de carácter xeral: non todo o mundo vive igualmente a relixión, e aí tes casios tan diferentes como Einstein (que era de "ciencias": ¿¿??), Spinoza, feuerbach, Kant, Voltaire, Plotino. Aquino, Locke, as diferentes culturas "trac¡dicionais", etc. Ao mellor metemos nun mesmo saco cousas que hai que matizar moi moito, non sei...
    Un saúdo, en calquera caso.Graciasd, e chao...
    PS: O que dis da "lóxica" e de estudiar "ciencias" non acabo de entendelo, síntoo, pois pareces dicr que os que estudian "·ciencias" son máis algo, non sei se máis lóxicos, ou que, e non creo haxa probas de semellante cousa. Creo que ou ben é un simple tópico sen base, ou ben querías dicir outra cousa que non dis ou acabas de dicir. ¿Non?

    ResponderEliminar
  9. O resto contestóo con máis tempo logo, pero quero matizar o de "ciencias" porque non pretendía dicir iso para nada. Referíame a que o meu pensamento é de que todo ten base científica e , nese caso, que "é un feito cientifico" (entre comiñas pois non houbo ninguén que realmente puidera comprobalo nun laboratorio) que logo da morte non hai nana...mmm foi coma un intento de redundar que non proceso ningún tipo de crenza, pero non pretendía que soase a "os de ciencias somos superiores " nin moito menos.Miñas desculpas se alguén, quen quera que lea estes comentarios, sentíuse ofendido

    Por certo, estaría ben que houbese máis conversacións para debater máis...sería divertido ;)

    ResponderEliminar
  10. Sinto o malentendido: non entendera o teu comentario sobre as "ciencias" dese modo. Era só que daba a sensación de que o termo máis adecuado era non tanto "ciencias" como "positivismo", ou algo así, e tamén eso de que "ciencias" son soamente as ciencias "naturais" e "formais", e non as así chamadas "sociais".
    Pero nada máis.
    E si, certamente sería de agradecer que máuis persoas caeran por aquí. Pronto chegará, espero, Kar, que agora está con exames, e supoño que alguén que o ano pasado traballou sobre algo de Bob Dylan terá algo que engadir á nova entrada dedicada ao texto de Dylan, esperemos...
    Chao.

    ResponderEliminar